Sargadelos contemporáneo
Hai máis de douscentos anos naceu a fábrica de louza de Sargadelos que, en distintas etapas, foise consolidando como exemplo de industrialización e de excelencia en cerámica. A quinta e actual etapa xurdiu co impulso de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane; ademais de levantar a nova fábrica, levaron a cabo un importantísimo labor a favor da cultura galega e das novas vangardas en deseño e investigación artística.
O complexo industrial iniciado por Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, a finais do século XVIII, segue sendo un dos sinais de identidade da Mariña Lucense.
A planta de cerámica aproveita a materia prima local – caolín de excelente calidade – e conta con deseños de identidade inconfundible, como o predominante azul cobalto, as formas inspiradas na arquitectura galega (do románico, barroco ou da arquitectura popular), na natureza, en personaxes históricas ou mitolóxicas galegas…plasmadas en pezas tanto utilitarias como decorativas.
No complexo Sargadelos encontramos o Conxunto histórico-artístico da antiga fundición e a fábrica de louza primitiva, considerados Ben de Interese Cultural. Na súa parte contemporánea destacan: a planta de produción de cerámica, o novo Museo – con recorrido pola evolución da factoría, a tradición oleira en Galicia, obras de artistas galegos de vangarda do século XX, etc - , a Galería de exposición/venda, o auditorio remodelado e a Taberna Sargadelos, antigo comedor dos empregados coa famosa “mesa dos Irmandiños”.
Na actualidade, ofértanse as “Experiencias Sargadelos”, con visitas á planta de produción e o Museo e a posibilidade de gozar das exposicións na Galería e da gastronomía galega na Taberna.
Novo Museo Sargadelos (visita libre -todo o ano- ou guiada -verán-)
Reais Fábricas de Sargadelos (conxunto histórico artístico)
Museo histórico de Sargadelos (xunto ás Reais Fábricas de Sargadelos)
Audioguía ficcionada de Cervo (viaxe no tempo sobre o complexo industrial de Sargadelos)
Horarios Galería de exposición e venda: L-V laborables: 10.00 - 20.00h. | S-D e festivos: 10.00h.-14.00h. e 16.30h.-20.00h.