A Mariña. Obradoiros con corazón.
Mergúllate na artesanía da Mariña e vive unha experiencia única!
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, en colaboración coa Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña, convídache a descubrir unha proposta única que pon en valor a tradición, a creatividade e o saber facer artesanal do noso destino. A través de experiencias inmersivas nos propios obradoiros, tanto turistas como residentes poderán achegarse ao traballo dos artesáns locais, coñecer de primeira man as súas técnicas e gozar dunha conexión auténtica coa cultura e a identidade da Mariña Lucense.
Na súa terceira edición, Obradoiros con Corazón celébrase do 24 de outubro ao 15 de novembro de 2026, co apoio da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo. Esta iniciativa convídate a descubrir a artesanía da Mariña Lucense a través de experiencias participativas nas que poderás coñecer os oficios tradicionais e experimentar con diferentes técnicas creativas da man dos seus profesionais.
Cando?
Os obradoiros desenvólvense durante varias fins de semana, entre o 24 de outubro e o 15 de novembro de 2026. As actividades están distribuídas nas seguintes datas: 24 e 25 de outubro; 31 de outubro e 1 de novembro; 7, 8, 14 e 15 de novembro.
As propostas están deseñadas para ofrecer experiencias prácticas e próximas, con prazas limitadas para favorecer unha atención personalizada e permitir que cada participante goce do proceso creativo.
Onde?
A programación inclúe nove actividades en obradoiros artesáns de cinco concellos da Mariña Lucense: Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Ourol e Trabada.
Entre as propostas atoparás cerámica Rakú, decoración cerámica mediante esgrafiado, reparación de pezas coa técnica xaponesa do kintsugi, creación de pendentes de madeira, macramé, fiado de la, ensamblaxes de madeira e elaboración de pezas decorativas de cerámica.
Prezos?
O prezo das actividades oscila entre 5 e 10 euros, dependendo do obradoiro escollido. A recadación destinarase a accións de promoción da artesanía da Mariña Lucense, contribuíndo a dar visibilidade aos oficios e ás persoas que manteñen vivo este patrimonio cultural.
Como participar?
Para asegurar a túa praza, é necesario realizar unha reserva previa a través deste enlace. As prazas son limitadas, polo que recomendamos consultar a dispoñibilidade de cada actividade e formalizar a inscrición con antelación.
Este outono, descubre a artesanía da Mariña desde dentro e goza dunha experiencia creativa que conecta tradición, innovación e identidade local.
Fai clic na imaxe de abaio para acceder a máis información sobre os obradoiros e as reservas:
Non deixes pasar esta oportunidade de vivir a artesanía da Mariña en primeira persoa! E se queres coñecer máis sobre o mundo da Artesanía da Mariña accede aquí
Ver mapa interactivo

