Camiño Norte de Santiago

 

Esta vía do Camiño de Santiago é tan antiga como o Camiño Francés, xa que os reis europeos da Idade Media inclinábanse por ela para chegar a Santiago de Compostela. Pola Mariña discorren 2 etapas e unha variante, que non só atraían peregrinos do norte de España, senón que tamén viñan, por terra e por mar, de outros países europeos como Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia. No 2015, foi declarado pola UNESCO, como Patrimonio da Humanidade, o máximo recoñecemento que pode recibir un ben de interese cultural.

Ribadeo
Santiago
198 Km
14 h
Ruta circular
Dificultade
Global
Moderado

1ª ETAPA: RIBADEO - VILANOVA DE LOURENZÁ (28KM)

O Camiño do Norte entra en Galicia por Ribadeo, procedente da Caridade (Asturias). Ribadeo é unha vila histórica, comercial e de servizos, cunha variada oferta de aloxamento, incluído un albergue público. Desde aquí, o Camiño segue cara a Ove e Vilela, adentrándose na parroquia de San Pedro de Arante, onde se atopa o Santuario de Nosa Señora das Virtudes, con frescos tardomedievais.

O itinerario avanza polo municipio de Barreiros, pasando por Vilamartín Pequeno, Vilamartín Grande, Gondán e San Xusto. Algúns peregrinos optan por deterse en Gondán (20,9 km desde Ribadeo) antes de continuar cara a Vilanova de Lourenzá. Esta vila érguese arredor do impresionante Mosteiro de San Salvador, fundado no ano 969 polo conde Osorio Gutiérrez, coñecido como o Conde Santo.

VARIANTE SANTIAGO DA RÍA DE ABRES-MONDOÑEDO

Este ramal entra en Galicia por Santiago da Ría de Abres (Trabada), tras bordear a ría de Ribadeo. Era a opción elixida polos peregrinos que evitaban cruzar a ría en barca. Desde Vegadeo, cruza a ponte do Fornacho de Ría de Abres e adéntrase en Trabada, onde se atopa o albergue municipal San Xiao.

Sálese de Trabada por Muín Quemado, o camiño sobe ata o Alto da Cadeira, en Santo Tomé de Lourenzá, baixa á Fortaleza de Tovar, para continuar ata Vilanova de Lourenzá e logo diríxese a Mondoñedo, superando dous altos. En Mondoñedo, o itinerario entra pola histórica Ponte do Pasatempo e o Barrio dos Muíños ata a praza da Catedral.

Quilómetros da Variante:

  • Vegadeo - Trabada: 19 km

  • Trabada - Mondoñedo: 19,2 km

2ª ETAPA: VILANOVA DE LOURENZÁ - ABADÍN

Desde Vilanova de Lourenzá, o Camiño segue unha antiga senda medieval que cruza o fermoso val de Lourenzá, pasando por aldeas con pequenas capelas. Logo discorre en paralelo á N-634 ata entrar en Mondoñedo polo barrio de San Lázaro.

Mondoñedo, declarada conxunto histórico-artístico, é unha das sedes episcopais galegas máis destacadas. Foi capital de provincia ata 1833 e é berce de figuras como Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro e Pascual Veiga, autor do Himno Galego. A súa catedral, o seu casco histórico e a súa oferta de servizos convértena nun lugar ideal para o descanso.

Desde Mondoñedo, o camiño ascende pola Fonte Vella ata o alto da Xesta, con vistas ao frondoso val do río Valiñadares. Continúa por Gontán e finalmente chega a Abadín, onde comeza a Terra Chá.

RUTA DESDE MONDOÑEDO A ABADÍN: DÚAS OPCIÓNS

Desde Mondoñedo, os peregrinos poden optar por dúas rutas para chegar a Abadín:

  • Camiño Oficial pola Infesta (12,2 km): Sae xunto ao Santuario de Os Remedios. É un camiño curto pero esixente, con fortes pendentes e poucos servizos.
  • ​​​​​​​Camiño Complementario por Maariz/Lousada (16,6 km): Sae desde a Praza da Catedral pola Fonte Vella. É máis longo pero cun desnivel progresivo e algúns servizos. Recoméndase para bicicletas, xa que transcorre maioritariamente por asfalto.
Lectura da ruta

Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.