Ribadeo
As rúas do casco histórico de Ribadeo foron declaradas en 2004 Ben de Interese Cultural coa categoría de Conxunto Histórico.
Xuntan unha mestura de estilos arquitectónicos variados segundo a orixe e a funcionalidade das edificacións: casas populares de artesáns e mariñeiros, casas de indianos, casas de banca, vivendas de familias de armadores...Todo conforma un conxunto de grande valor patrimonial e histórico.
O plano medieval de Ribadeo ten o seu eixo central na rúa dos Ares (hoxe eixe das rúas Antonio Otero-Vello Pacho) onde confluían o resto das rúas.Só se contaba con dous accesos á ría: pola mencionada rúa dos Ares cara a Porcillán, e pola rúa Ibáñez cara A Cabanela. A vila estaba amurallada e nestes dous accesos había unha porta.
Máis adiante desenvolveuse un segundo eixo, paralelo ao anterior, o da rúa Amando Pérez. Aquí construíron as súas casas fidalgos e comerciantes que convivían con mariñeiros e artesáns.
O resultado é un conxunto urbano diversificado que combina pazos urbanos con sinxelas construcións.
Pódese gozar desta contorna cos diversos roteiros propostos : Ruta Urbana dos Indianos, Ruta Ribadeo Intramuros, Ruta Ribadeo Antigo.
Son edificios destacables:
- Aduana vella (s.XVIII)
- Castelo de San Damián (s.XVIII)
- Cargadoiro (s.XX)
Na praza do Campo ou España:
- Pazo neoclásico de Ibáñez, marqués de Sargadelos (s.XVIII)
- Torre dos Moreno
- Convento de Santa Clara
- Igrexa Parroquial de Santa María do Campo (antigo convento franciscano,s. XIII)
O porto de Porcillán: a praia máis achegada ao núcleo urbano actual é a orixe de Ribadeo. A aldea de pescadores converteuse en núcleo comercial. O primitivo peirao foi medrando a partir do século XIX. Ata aquí chegaban as barcas que cruzaban desde Asturias.
Na actualidade en Porcillán coexisten a actividade pesqueira e a economía turística en auxe.
A Cabanela: Un núcleo que, con Porcillán, deu orixe a Ribadeo; outro dos fondeadoiros para as actividades marítimas e un arrabalde por quedar extramuros da vila medieval.
