Ornitoloxía

 

A Mariña Lucense é un territorio de extraordinaria riqueza ornitolóxica. A súa combinación de cantís escarpados, marismas, ríos, bosques autóctonos e montañas crea un mosaico de hábitats que acolle unha gran diversidade de especies. A presenza de catro Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) —ZEPA de Ribadeo, ZEPA da Ría de Foz, ZEPA da Costa da Mariña Occidental e ZEPA do Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental— subliña a importancia desta comarca dentro da Rede Natura 2000, consolidándose como un enclave estratéxico para a observación de aves ao longo de todo o ano.

 

Os amantes da ornitoloxía atoparán en A Mariña un destino excepcional para observar desde aves mariñas e limícolas ata rapaces e paxaros forestais, anátidas e ardeidas. Durante os pasos migratorios, os ceos da costa énchense de pardelas, charráns e mascatos en tránsito cara ás súas áreas de invernada ou cría. Nas praias e rías, o espectáculo ten como protagonistas o zarapito real, o pilrí tridáctilo e o ostraceiro euroasiático, mentres que nas zonas boscosas e de montaña poden avistarse especies como o voitre leonado, o lagarteiro peneireiro (cernícalo vulgar) ou o pito real ibérico.

Estaca de Bares e especialmente Cabo Burela destacan como algúns dos mellores lugares de Europa para a observación de aves mariñas migratorias, sendo Burela un punto óptimo para a fotografía destas especies. A Mariña é especialmente salientable para a observación dunha gran diversidade de gaivotas, incluíndo a oportunidade de avistar rarezas en zonas como a Ría de Ribadeo, a Charca de Rinlo e a súa contorna, a praia de Arealonga en Barreiros, a ría de Foz, Burela ou a zona do Lago en Xove.

Este destino é ideal para a práctica dun turismo sostible ou ecoturismo, convidando as persoas visitantes a explorar e apreciar a súa riqueza natural de xeito responsable e respectuoso co medio.

 

Que información atoparás aquí?

Cada concello da Mariña Lucense ofrece unha paisaxe única e especies características, que poderás coñecer en detalle ao longo desta sección. Nos textos atoparás información sobre as aves máis representativas de cada zona, os seus hábitats, e os mellores puntos de observación:

 Os espectaculares cantís e costas de O Vicedo, onde se atopa a Illa Coelleira, unha das poucas colonias nidificantes de pardela cincenta atlántica en Galicia.

 Os areais e marismas de Foz e Barreiros, refuxios clave para aves limícolas como a píllara real, o cullereiro común e o mazarico real.

 O litoral rochoso de Cervo e Xove, onde é posible avistar especies como o corvo mariño atlántico, o virapedras común e a gaivota arxéntea europea.

 Os espazos de montaña e bosque de Mondoñedo e Ourol, fogar de grandes rapaces como o voitre negro e paxaros forestais como o merlo rieiro europeo.

 As costas abertas de Burela, un punto clave dentro do corredor migratorio para a observación de aves mariñas como o arao común, a pardela balear ou o falaropo de pico groso.

 Os humedais e fragas de Trabada, un entorno privilexiado para especies como o lavanco real, o bilurico das rochas e a garza boieira ademais de pequenas aves forestais.

 A Ría de Ribadeo convértese nun enclave esencial para aves acuáticas como o pato asubiador común o mazarico real e a agulla colipinta en inverno.

 Os cantís e ensenadas de Viveiro, un territorio clave para a observación de gaivotas migratorias, corvos e especies mariñas como o mascato común e os papagaios.

 

En marzo do 2025 A Mariña Lucense foi sede do XXI Encontro de observación da natureza "natureWatch".

 

 

Información adicional

Descarga o folleto de Turismo Ornitolóxico na Mariña Lucense [GAL, ESP, ENG]:

Certificación Destino Observer:

Distintivo que recoñece o compromiso da Mariña Lucense coa conservación, a divulgación e a sustentabilidade no ámbito da observación de aves.

 

            

 

Mapa Mariña LucenseVer mapa interactivo