Ornitoloxía

 
WEB

Pódense observar aves en toda A Mariña, pero hai catro espazos naturais declarados Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) que forman parte da Rede Natura 2000 e que son zonas de grande interese para a conservación de varias especies de aves, ben por que se reproducen aquí ben porque aquí encontran refuxio nas súas viaxes migratorias. Son  a ZEPA Ribadeo, a ZEPA Ría de Foz, a ZEPA Costa da Mariña Occidental e a ZEPA Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental.

Estas catro ZEPA, que se distribúen de Leste a Oeste ao longo da costa da Mariña destacan pola importancia que teñen para numerosas especies de aves mariñas e acuáticas, especialmente nos pasos migratorios e na invernada, aínda que tamén acollen colonias reprodutoras únicas en Galicia para algunhas aves.

Na ZEPA Costa da Mariña occidental encontran refuxio diversas colonias de aves mariñas sendo especialmente importante pola poboación reprodutora da gabita que actualmente só nidifica nesta costa en Galicia, sendo a máis sudoccidental de Europa.

A ZEPA Ría de Foz acolle interesantes poboacións de aves acuáticas, especialmente no inverno e no paso outonal, como o cullereiro, cerceta, asubiador e o escaso ganso de cara negra, raro en España. No esteiro concéntranse núcleos de mazarico real e mazarico rubio, que xunto ao moi escaso pilro gordo danlle importancia a escala estatal.

A ZEPA Ría de Ribadeo abrangue a ría en toda a súa extensión e é lugar de descanso para importantes poboacións de aves acuáticas, destacando pola invernada de asubiador e de pato rabilongo, e tamén pola presenza de mergullón de pescozo negro e de pilro escuro, ambos moi escasos en Galicia.

A ZEPA Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental, denominada comunmente "a gran autopista do noroeste" é un importante corredor migratorio de aves que abarca a maior parte das augas do noroeste peninsular. Por el cruzan miles de aves mariñas cada ano, especialmente entre finais do verán e o outono. Algunhas delas son: o mascato, a pardela cincenta atlántica, a pardela escura e a gaivota de sabine. Máis tamén poderemos observar diferentes especies de mobellas, charráns ou araos.

Con que observar aves?

Para observar mellor as aves, necesita unha serie de materiais esenciais:

• Unha guía de aves para consultar e identificar adecuadamente as especies.

• Binoculares: os ideais son os de pequeno tamaño e peso lixeiro, 8 x 30, 8 x 40 o 10 x 40.

• Un caderno de campo e un lápis para manter un rexistro do que ves en cada saída.

• Roupa e calzado cómodos e adecuados ás condicións meteorolóxicas do momento.

Ver lista