Gastronomía
A gastronomía dunha comarca é un elemento que o diferencia con respecto a outras, pois as condicións ambientais e culturais foron tecendo co tempo unha gastronomía propia que se adapta aos recursos que a natureza lle brinda.
A diversidade do territorio da Mariña cunha extensa costa, altas montañas, profundos vales, numerosos ríos... e a íntima relación dos seus habitantes con este medio desde tempos inmemoriais quedou plasmada na rica gastronomía desta comarca que nos ofrece peixes, mariscos, carnes, verduras, hortalizas, froitos... dunha excelente calidade e todos eles “quilómetro 0”.
Esta rica gastronomía da Mariña aparece referenciada nos textos da obra literaria, entre o mundo real e o imaxinario, do recoñecido e prolífico escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro.
A calidade das nosas materias primas, xunto coa tradición e o bo facer dos nosos cociñeiros, son, sen dúbida, un reclamo excelente para que desfrutes da nosa gastronomía. Pratos forxados pola cultura, a historia e a economía da zona, que che ofrecen unha oportunidade incomparable para conectar co territorio.
As zonas costeiras xeran produtos como a pescada do pincho de Celeiro —co selo Galicia Calidade—, ou o bonito do norte de Burela, capturado de maneira tradicional, do mesmo xeito que a súa pescada do pincho; os percebes de Rinlo, as navallas e os ourizos de mar, a lagosta, os santiaguiños, o centolo, o boi de mar e o polbo, entre moitas outras delicias mariñas procedentes da pesca diaria no Cantábrico, garantindo a súa frescura e calidade.
Da gandaría do territorio, podes degustar excelentes carnes de Ternera Gallega ou cachena e de porco celta.
As condicións climáticas e organolépticas dos vales permiten xerar produtos de recoñecida calidade, como a famosa Faba de Lourenzá, con Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P.), e outros destacados produtos da horta, como a faba verdina, os grelos suaves, tomates, porros, espinacas ou leitugas, que permitiron crear marcas identitarias como Horta de Mondoñedo ou Verdina de Galicia.
Castañas, cogomelos e meles multiflorais son outros excelentes produtos locais que participan activamente na nosa cociña, ao igual que a fariña, que dá lugar a pans e empanadas artesanais moi recoñecidos, ou a pratos tan propios como a enfariñada de Trabada, que na Pontenova recibe o nome de faragullos.
Na repostería, a améndoa é un ingrediente estrela de exquisitas elaboracións como a Tarta de Mondoñedo, a Colineta de Viveiro ou a Tarta de Riotorto. O chocolate artesán e os doces típicos segundo a época do ano, como os de Semana Santa ou Entroido, completan a deliciosa oferta habitual das nosas panadarías e pastelarias.
A gastronomía da Mariña forma parte indiscutible da súa identidade cultural. Para preservar e promover os seus valores, no ano 2024 creouse o colectivo Gastronomía da Mariña, con representantes de toda a cadea de valor, desde produtores vinculados ao mar e á terra ata cociñeiros, transformadores, comercializadores e hostaleiros do territorio, que traballan baixo uns principios de sustentabilidade e calidade e cunha visión comprometida coa defensa dos valores da gastronomía local.
Bon proveito!
Consulta neste enlace o Receitario básico da cociña tradicional da Mariña, que xorde en 2025 no contexto do proxecto de Turismo Slow Norte de Galicia en colaboración co Colectivo de Gastronomía da Mariña. Unha publicación que recolle pratos populares, cociña de restaurante e receitas que forman parte do noso patrimonio culinario, conectando pasado e presente.
Tamén podes coñecer a iniciativa Cociñando A Mariña Lucense, un proxecto co que en 2020 puxemos en valor e axudamos a descubrir a riqueza gastronómica da Mariña Lucense.
