A Mariña Artesá

 

Trátase dun territorio marcado por oficios e disciplinas ligados de forma estreita é profunda á terra e ás súas xentes.

Un espazo onde podemos atopar ao redor de 40 artesáns traballando nas máis variadas disciplinas. Desde a carpintería de ribeira en San Cibrao-Cervo, pasando polas olerías de Mondoñedo e Viveiro, a cantería, calceta e monicreques en Mondoñedo, ou a marroquinería en Ribadeo; así como por as antigas ferrerías na Pontenova e Riotorto entre outras moitas alternativas que podes consultar no noso apartado de "Artesáns e artesás da Mariña Lucense". Todas elas artesanías onde se combinan tradición e modernidade para ofrecer ao público produtos únicos e de primeira calidade.

A Mariña ofrécenos tamén lugares singulares como o Barrio dos Muíños en Mondoñedo, onde se situaban os obradoiros tradicionais de oleiros e ferreiros que abastecían antigamente á cidade dos seus produtos. Este espazo, hoxe rehabilitado, volve a contar con homes e mulleres que fan da artesanía a súa filosofía e modo de vida.

Nesta web ofrecemos a posibilidade de visitar 11 obradoiros onde poderemos ver de primeira man cales son as materias primas, as técnicas de traballo, as ferramentas empregadas e até experimentar coas nosas propias mans a elaboración de diferentes pezas co acompañamento dos mesmos artesáns e artesás.

Ademais propomos cinco rutas diferentes para percorrer A Mariña a través dos traballos artesáns e dos seus máis senlleiros recursos culturais e naturais.

Descarga a guía da Artesanía da Mariña.

 

* Para o desenvolvemento deste apartado e do proxecto de Artesanía da Mariña por parte da Mancomunidade, contouse co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.