PST na Mariña Lucense 2022 - 2024
Os Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos teñen como fin impulsar a transformación dos destinos turísticos españois cara á sustentabilidade.
Representan un mecanismo de colaboración destacado entre a Administración Xeral do Estado, as Comunidades Autónomas e as Entidades Locais.
Plan de Sustentabilidade Turística A Mariña Lucense 2022-2024
CONCESIÓN
A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense xunto aos dezaseis municipios integrantes e o sector turístico privado, co apoio da Xunta de Galicia e en colaboración coa Fundación Juana de Vega presentou a súa proposta nas convocatorias de 2020 e 2021; sendo ratificada a súa aprobación pola Conferencia Sectorial de Turismo o 28 de xullo de 2021 e publicándose, tras os correspondentes trámites, o 13 de decembro de 2021 o Convenio para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Municipios da Mariña.
IMPORTE E DURACIÓN
No devandito convenio, ademais doutras cuestións, acórdase a duración, importe e achegas do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense. Así, especifícase que a duración do convenio será de 4 anos e contará cun investimento total de 2.225.000 de euros.
O custo das actuacións previstas estará cofinanciado polos organismos asinantes do convenio, sendo estes: a Secretaría de Estado de Turismo, en representación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia, en representación da Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.
A repartición das achegas realízase dacordo coas seguintes porcentaxes:
- 44,94% (1 millón de €) - Secretaría de Estado de Turismo
- 44,94% (1 millón de €) - Axencia de Turismo de Galicia
- 10,11% (225.000€) – Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense
A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, para realizar a achega que lle corresponde, recibe o apoio da Deputación de Lugo cunha achega de 82.500€.
OBXECTIVO E EIXOS ESTRATÉXICOS DO PLAN
A Mariña Lucense presentou a súa proposta de PSTD dentro da figura dos Plans de Sustentabilidade en zonas costeiras rurais afectadas polo declive demográfico, que teñen como obxectivos principais: afrontar o reto demográfico, consolidar entes e estruturas xestoras do destino, alcanzar un uso sostible do seu patrimonio cultural e de infraestruturas verdes en sentido amplo, que permita á súa vez crear ou consolidar produtos turísticos, con recursos endóxenos e de calidade, que contribúa á desestacionalización e desconcentración dos fluxos turísticos, así como á cohesión territorial.
O obxectivo xeral do PSTD na Mariña é impulsar un desenvolvemento turístico sostible no seu territorio, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural para axudar a frear a perda demográfica principalmente nas áreas rurais e cunha visión do turismo a longo prazo.
Así, o PSTD na Mariña estrutúrase en base a 5 eixos programáticos e 18 liñas de actuación aprobadas en Comisión de Seguimento do PST – conformada por representantes da SETUR, XUNTA e Mancomunidade - para mellorar a planificación, xestión e promoción do turismo no destino.
En este mesmo apartado, dentro do seu eixo correspondente, descríbense os obxectivos destes e as actuacións executadas ou en execución ata o momento.
Calquera cuestión con relación ao PST na Mariña Lucense pode ser dirixida a pst@amarinalucense.gal.