Cultura mariñeira
Dende tempos inmemoriais Galicia e por suposto a Mariña Lucense, manten unha íntima relación co mar, ao longo dos aproximadamente 100 km de costa desta comarca. Asomándonos ao noso mar atoparemos unha fisonomía recortada e sinuosa, en territorio Cantábrico, que amosa aos nosos ollos, augas fecundas en vida e para a pesca e tamén extraordinariamente ricas en cultura mariñeira ou patrimonio marítimo.
Calquera manifestación vencellada aos usos humanos do mar forma parte do noso patrimonio. Por tanto as construcións (vivendas, peiraos, faros, salgadeiras...), os obxectos (embarcacións tradicionais como o Bote de Ribadeo, artes de pesca e marisqueo, trebellos diversos...), e tamén as creacións inmateriais como a fala, as técnicas de traballo, cantigas, lendas, sabedoria popular, as receitas de gastronomía...
O mar da Mariña Lucense posúe unha gran riqueza pesqueira e marisqueira, cun produto de primeira calidade. A frota pesqueira ten un volume global de descargas e vendas de peixe fresco e marisco de máis de 55 millóns de quilos de peixe. Os seus máis de 120 millóns de euros ao ano, concentrados sobre todo en dúas das súas lonxas máis importantes (Burela e Celeiro), fan que a economía de toda a zona dependa en gran medida do sector pesqueiro. Tamén os portos de O Vicedo, San Cibrao, Burela, Foz, Rinlo, Ribadeo posúen portos deportivos e de pesca de baixura que conteñen elementos interesantes que coñecer.
Goza de todos estes tesouros con historia que arrecenden a salitre.
Se queremos descubrir a diversidade de peixes e mariscos que os mariñeiros da Mariña pescan no Cantábrico, só nos teremos que achegar ás lonxas de Burela, de Celeiro ou de Ribadeo, onde se poden facer visitas guiadas que nos descubrirán o fascinante mundo da pesca.
A íntima relación dos mariñaos co mar conserva unha rica cultura que se manifesta en festas e tradicións con grande arraigo como a Maruxaina ou nas procesións marítimas para celebrar a patroa dos mariñeiros, a Virxe do Carme.
Unha parte moi importante desta rico patrimonio mariñeiro pódese descubrir visitando o Museo Provincial do Mar de San Cibrán ou o Barco-Museo Reina del Carmen, antigo boniteiro de Burela e outro podemos gozar del directamente dando un paseo, como as antigas fábricas de salga na praia de Cubelas en Cervo ou as vellas cetarias e as estreitas rúelas do fermoso porto de Rinlo.
Pero esta costa é perigosa nas épocas de grandes temporais polo que os navegantes precisaron de sinais que lles guiasen na súas singraduras, primeiro foron fachos acendidos nos montes e dos que hoxe só queda o seu topónimo, e logo foron os faros, situados en lugares espectaculares desde onde podemos gozar de vistas marabillosas sobre o mar, como o Faro da Illa da Pancha, o da Punta da Atalaia ou o de Punta Roncadoiro que alumean máis alá das 20 millas, para axudar a guiar os barcos pola noite.