Mosteiro de Vilanova de Lourenzá
O mosteiro de San Salvador de Lourenzá foi fundado no século X por don Osorio Gutiérrez, o Conde Santo. A penas quedan vestixios da arte románica ou gótica no edificio, mais o barroco brilla en todo o seu esplendor.
Foi declarado Conxunto Histórico-Artístico no 1974.
No seu interior acolle as dependencias municipais e o Museo de Arte Sacra.
É parada obrigada para peregrinos do Camiño do Norte a Santiago, no tránsito desde Ribadeo á veciña Mondoñedo, pasando por Barreiros.
Sobre un modesto cenobio anterior Osorio Rodríguez fundou o mosteiro no ano 969 e dotouno con bens da súa herdanza familiar. Adscribiuse á orde benedictina. O propio Conde ao enviuvar ingresou nel.
Osorio Rodríguez de vello viaxou a Terra Santa, onde se di que adquiriu un sartego de mármore, de arte paleocristiá. A lenda conta que o deixou no mar e arribou na costa norte de Lugo. Ao seu pasamento, o Conde foi soterrado nel, deixando un pequeno burato na parte inferior. O sartego atópase na Capela da Nosa Señora de Valdeflores, na Igrexa de Santa María do mosteiro. Visítana os peregrinos coa tradición de introducir o dedo no burato do sartego e pedir un desexo ao Santo.
No século XVI chegou a ser o maior mosteiro do norte de Galicia. A súa fisionomía actual adquírea nas obras de remodelación do século XVII, con aportacións tan importantes como a construción do claustro maior por parte de Juan de Villanueva.
No século XVIII érguese a igrexa de Santa María, barroca, salientando a intervención en parte do interior e na fachada de Fernando de Casas y Novoa, no que se considera un ensaio para a súa obra más emblemática: a fachada do Obradoiro da Catedral compostelá. O retablo maior é de estilo nomeadamente neoclásico e obra de Ventura Rodríguez.
No 1835, trala desamortización de Mendizábal, o mosteiro queda abandonado e desmantélase a biblioteca. Sofre ademais un incendio no 1878.
Volve a estar ocupado a partir do 1910 por monxes de Samos que forman un priorado ata a desaparición destes nos anos corenta. Dependendo do bispado de Mondoñedo, durante case tres décadas o mosteiro foi Seminario Menor, ata 1970, cando as dependecias pasan a ser municipais. A actual Casa do Concello ten a súa entrada na fachada do mosteiro que fai ángulo recto coa fachada da igrexa.
Outro punto de visita tradicional dos peregrinos é o Pozo do Santo, no claustro menor do mosteiro, a cuxas augas se lle atribúen propiedades curativas e eran recollidas para beberen delas.
O Museo de Arte Sacra ocupa a estancia da antiga biblioteca, da que se conservan algúns exemplares. Entre os seus fondos destacan pinturas en táboa sobre os milagres do Conde Santo, esculturas dos séculos XVII e XVIII e unha ampla colección de ourivería
O vestixio románico do mosteiro redúcese a unha arca do s.IX e unha lauda do s.XII.
Visitas audioguiadas /guiadas ao Mosteiro 2024 (1 de xullo - 13 de outubro)
A través dun percorrido audioguiado (sen reserva) poderase coñecer a historia da igrexa, a sacristia, o relicario, a capela da Valvanera e o sárcofago paleocristiano do Conde Santo.
Audioguía ficcionada
Paseo polas rúas de Vilanova de Lourenzá a través da Audioguía ficcionada "Vilanova de Lourenzá. Paisaxes da memoria" para coñecer as historias que se foron tecendo na vila desde a época da fundación deste mosteiro.