Pazo de Tovar

 
Pazo

Documentación do século XII describe o lugar de Canedo (parroquia de Santo Tomé, municipio de Lourenzá) como unha vila amurallada cunha  torre, a Torre de Canedo. É a orixe da actual Fortaleza ou Pazo de Tovar, declarado Ben de Interese Cultural no 1949.

No seu interior atopamos o Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos de Galicia.

A primitiva Torre de Canedo atopábase en estado ruinoso cando no século XVI foi remodelada e reconstruída para ser unha vivenda-fortaleza. O promotor foi Antonio de Tovar, xentil home de Carlos I.  O seu  estilo é gótico isabelino, sendo un dos mellores exemplos deste estilo en Galicia.

O corpo principal é rectangular e está flanqueado por dúas  torres cadradas con almeas, troneiras, saeteiras e barbacás. Tamén atopamos un patio interior. A porta principal do pazo é de arco gótico isabelino. Toda a construción é de cachotería de lousa con perpiaños de granito nas partes nobres.

 

Posúe unha torre de Homenaxe e varios escudos de armas en fachadas e dinteis, nos que figuran entre outras a liñaxe dos Andrade, dos Bolaño e dos Rivadeneira.

 

A porta principal do pazo é de arco gótico isabelino con dous bustos en baixorrelevo labrados na base dos arcos e enriba dous pequenos escudos.

Ao longo da súa historia esta fortaleza-vivenda medieval estivo vencellada ao mosteiro benedictino de San Salvador de Lourenzá, á estirpe Ponce de León, á liñaxe Aguiar, á familia Pardo de Cela, a Antonio de Tovar e aos marqueses de Villasante.

Mércores a domingo: 12:00 - 13:30 / 16:30 - 18:00
Luns e martes: pechado
2,5€
Servizos
Sinalizado
Aparcamento