Mondoñedo
Mondoñedo foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia ata 1833 e sé episcopal desde o s. XII.
Ten o título de "cidade" desde o ano 1156, por concesión do rei Alfonso VII de León e foi declarada Conxunto Histórico-Artístico no 1985, cun casco vello que reflicte o espírito señorial e eclesiástico desta vila “rica en pan, en aguas y en latín”.
A historia de Mondoñedo está moi ligada á orixe da súa diocese. En 1112, a sé catedralicia da diocese britoniense é trasladada desde San Martiño de Mondoñedo (Foz) a Mondoñedo. Desde entón a pequena vila comeza a cobrar importancia, co título de cidade e a capitalidade dunha das provincias do Antigo Reino de Galicia.
No século XIX comeza unha decadencia económica que vai contrastar cun interesante desenvolvemento cultural. Foi o berce de escritores como Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e de músicos como Pascual Veiga e José Pacheco.
O compacto conxunto urbano está organizado a partires da Praza da Catedral, testemuña da execución do mariscal Pardo de Cela no século XV. Conviven en harmonía valiosos edificios monumentais (pazos, conventos, igrexas...) con vivendas de granito e lousa nos tellados rematados en pequenas ameas, ademais das hortas urbanas.
Destaca a Catedral co enorme rosetón central, as pinturas murais de distintas épocas, os dous órganos xemelgos. O Museo Catedralicio e Diocesano de Arte Sacra é un dos máis importantes de Galicia.
Son tamén de visita obrigada outros edificios como a Casa do Concello, O Seminario de Santa Catarina, o Convento da Concepción, o Santuario dos Remedios, o Pazo de San Isidro...Así como a “Fonte Vella” ou “ a ponte do Pasatempo”.
Preto están os barrios de San Lázaro e o de Os Muíños, evidencias do pasado artesán e industrial da vila.
Mondoñedo é lugar de paso do Camiño Norte a Santiago de Compostela, sendo habitual a presenza de peregrinos.
A Feira de San Lucas, que se celebra en outubro desde 1156, é das máis antigas de Galicia e a súa temática central é o mundo equino.
En canto á gastronomía, hai que destacar a calidade do seu pan e a Torta de Mondoñedo.
Visitas guiadas ou audioguiadas á Catedral. Más info.
Ruta dos Artesáns de Mondoñedo. Más info.
Audioguía ficcionada Mondoñedo e Familia. Más info.
Museos e centros de interpretación. Más info.
Visita guiada baixo reserva ao Pazo de San Isidro (privado - consultar condicións). Tel.: 638 71 07 18 | Facebook