Mondoñedo

 

Mondoñedo foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia ata 1833 e sé episcopal desde o s. XII.

Ten o  título de "cidade" desde o ano 1156, por concesión do rei Alfonso VII de León e foi declarada Conxunto Histórico-Artístico no 1985, cun casco vello que reflicte o  espírito señorial e eclesiástico desta vila “rica en pan, en aguas y en latín”.

A historia de Mondoñedo está moi ligada á orixe da súa diocese. En 1112, a sé catedralicia da diocese britoniense é trasladada desde San Martiño de Mondoñedo (Foz) a Mondoñedo. Desde entón a pequena vila comeza a cobrar importancia, co título de cidade e a capitalidade dunha das provincias do Antigo Reino de Galicia.

No século XIX comeza unha decadencia económica que vai contrastar cun interesante desenvolvemento cultural. Foi o berce de escritores como   Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e de músicos como Pascual Veiga e José Pacheco.

O compacto conxunto urbano está organizado a partires da Praza da Catedral, testemuña da execución do mariscal Pardo de Cela no século XV. Conviven en harmonía valiosos edificios monumentais (pazos, conventos, igrexas...) con vivendas de granito e lousa nos tellados rematados en pequenas ameas, ademais das hortas urbanas.

Destaca a Catedral co enorme rosetón central, as pinturas murais de distintas épocas, os dous órganos xemelgos. O Museo Catedralicio e Diocesano de Arte Sacra é un dos máis importantes de Galicia.

Son tamén de  visita obrigada outros edificios como a Casa do Concello, O  Seminario de Santa Catarina, o Convento da Concepción, o Santuario dos Remedios...Así como a “Fonte Vella” ou “ a ponte do Pasatempo”

Preto  están os barrios de San Lázaro e o de Os Muíños, evidencias do pasado artesán e industrial da vila.

Mondoñedo é lugar de paso do Camiño Norte a Santiago de Compostela, sendo habitual a presenza de peregrinos.

 A Feira de San Lucas, que se celebra en outubro desde 1156, é das máis antigas de Galicia e a súa temática central é o  mundo equino.

En canto á gastronomía, hai que destacar a calidade do seu pan e a Torta de Mondoñedo.

Ver lista