Camiño Norte de Santiago
Esta vía do Camiño de Santiago é tan antiga como o Camiño Francés, xa que os reis europeos da Idade Media inclinábanse por ela para chegar a Santiago de Compostela. Pola Mariña discorren 2 etapas e unha variante, que non só atraían peregrinos do norte de España, senón que tamén viñan, por terra e por mar, de outros países europeos como Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia. No 2015, foi declarado pola UNESCO, como Patrimonio da Humanidade, o máximo recoñecemento que pode recibir un ben de interese cultural.
1ª ETAPA: RIBADEO - VILANOVA DE LOURENZÁ
Parte da histórica vila e porto de Ribadeo. De nobre pasado, alzada sobre unha atalaia natural e divisando a ría, conserva un interesante conxunto arquitectónico medieval e moderno. O Camiño continúa por unha vella ruta, quizais romana ou tardorromana, até o final desta etapa, en Vilanova de Lourenzá, tras pasar por varios núcleos como Ponche de Arante, onde houbo hospital de peregrinos desde o s. XVI, lugares nos que a vida tradicional sáenos ao encontro a cada paso. Vilanova de Lourenzá é capital municipal, alzada arredor do magnífico mosteiro beneditino fundado polo conde don Osorio Gutiérrez (o Conde Santo) no ano 969.
VARIANTE SANTIAGO DA RÍA DE ABRES-MONDOÑEDO
Variante procedente de Castropol e Vegadeo, rodea a zona baixa do río Eo e entra en Galicia por Santiago da Ría de Abres (concello de Trabada), xa na provincia de Lugo. Este camiño era a opción elixida por aqueles peregrinos que non podían pagar o paso da ría en barca de Asturias a Galicia (Ribadeo).
Transcorre primeiro pola zona baixa do río Eo e atravesa os municipios asturianos de Castropol, Vegadeo e Santiago de Abres até chegar a Trabada, xa en Lugo. Cruza o Río Eo en Ría de Abres pola ponte do Fornacho. Desde a Ría de Abres, os peregrinos camiñarán cara Sante, e desde alí a Trabada, por carreiros gozando dunha espectacular paisaxe de ribeira. Sáese de Trabada por Muín Queimado polo camiño que vai polo val do Rego de Trabada. Na Trapa desviaranse para subir a montaña até chegar ao Alto da Cadeira, e desde alí baixar á Fortaleza de Tovar, para continuar ata Vilanova de Lourenzá.
2ª ETAPA: VILANOVA DE LOURENZÁ - ABADÍN
Parte de Vilanova de Lourenzá, camiño de Mondoñedo. Segue unha antiga senda medieval que cruza o fermoso val de Lourenzá, o coñecido como Camiño da Brea e pasa por varias aldeas con pequenas capelas. Continúa en paralelo á estrada N-634, para entrar en Mondoñedo polo barrio de San Lázaro. Mondoñedo, declarada conxunto histórico-artístico, é unha das sedes episcopais galegas de maior tradición cultural e un dos núcleos históricos máis singulares de Galicia. Foi capital de provincia ata 1833. Foi tamén a cidade natal de escritores como Álvaro Cunqueiro ou Leiras Pulpeiro e músicos como Pascual Veiga, autor do Himno Galego.
Sae de Mondoñedo pola Fonte Vella e tras un duro ascenso chega ao alto da Xesta, contemplando o frondoso val do río Valiñadares. Pasa por Gontán e pronto alcanza Abadín, onde xa comeza A Terra Chá.
Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.