Audioguía ficcionada de Cervo
A antiga fábrica de fundición de Sargadelos
Memoria da revolución industrial do século XVIII
Propómosche unha viaxe no tempo ata os anos finais do século XVIII para coñeceres a historia deste enclave singular e vital do pasado industrial da Mariña Lucense. Un proxecto promovido polo ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez, pioneiro da siderurxia en Galicia e figura complexa e clave para entender os conflitos da súa época.
Partindo dende a antiga Casa da Administración-Museo Histórico de Sargadelos, e tras pasar fronte ao Pazo de Ibáñez (s. XVIII), o paseo adéntrase nos restos aínda visibles do complexo industrial para recoñecer o lugar e antigos usos de todos os elementos que o conformaban: a Rúa do Medio e as súas vivendas planificadas; o campo da feira; o antigo forno de fundición; a Casa das Máquinas; os almacéns e carboeiras; o forno de calcinación; o famoso Paseo dos Namorados, e a presa sobre o Río Xunco.
Durante o paseo por estes escenarios, escoitarás a voz do propio Ibáñez e doutras testemuñas daquel momento confrontando as súas declaracións sobre o motín e asalto de abril de 1798 contra a fundición. Un episodio histórico que serve para ilustrar o impacto da iniciativa de Ibáñez na sociedade da época, exemplo dos conflitos que xorden na transición entre o Antigo Réxime e a Revolución Industrial.
Duración: 30 minutos
Pola falta de cobertura no lugar por onde discorre a audioguía recomendámosche que a descargues e o fagas con anterioridade á túa chegada ás antigas fábricas de Sargadelos. Si xa estás alí podes descargarla nas inmediacións do Museo Histórico, dende onde sae o percorrido.
Clica na imaxe inferior para ampliar o mapa
Para ter en conta: ademais do Museo Histórico de Sargadelos (tfno. 670 267 239), poderás coñecer nas proximidades o Centro de Emprendemento e Artesanía de Sargadelos e a fábrica de Sargadelos contemporánea con diversas propostas (tfno. 982 227 841).
En todo momento, a través dos diferentes relatos, irás recibindo indicacións por onde debes ir. Por iso, unha vez conectado o son non se debe interromper e terás que apagalo só ao chegar ao final. Recomendámosche que encendas o audio e te deixes levar pola historia única e diferente destes lugares. Para evitar indicentes é moi importante que realices paradas en lugares seguros e que teñas coidado co tránsito rodado ao camiñar. Agardamos que disfrutes da experiencia!