Reais Fábricas de Sargadelos

 
Conxunto histórico

Declaradas conxunto histórico artístico en 1972, estas fábricas foron nos seus inicios a primeira siderúrxica integral de España.

Antonio Raimúndez Ibáñez, Marqués de Sargadelos, levantounas a finais do s. XVIII, dedicándose inicialmente a fundición de ferro e converténdose, a principios do s. XIX, en fábrica de louza e vidro.

Este conxunto histórico artístico está formado pola presa, as antigas instalacións siderúrxicas, a Casa da Administración, a Antiga Fábrica de Louza, a Casa do Peso, o Paseo dos Namorados, o Pazo de Ibáñez, o Camiño Real, a Igrexa de Santiago de Sargadelos e o cemiterio.

A produción das Reais Fábricas, destinada principalmente á produción de armas e munición para a Armada aínda que tamén fabricaba obxectos civís, cesou no ano 1875. Da época da fundición é a presa que foi construída en 1791 sobre o río Xunco.

A innovadora fábrica de louza introduciu en España formas e decoracións ata entón propias das pezas de orixe inglesa. A súa implantación neste lugar debeuse á abundancia de caolín, materia prima fundamental para esta industria, á existencia de bosques, que facilitou o uso directo da madeira nos procesos industriais e á proximidade do mar, que favoreceu o transporte.

En 1794 entrou en funcionamento o primeiro dos altos fornos da fundición para a produción de cazolas, bombas e metrallas. Na actualidade, consérvanse restos de varios fornos nas proximidades da Casa da Administración e do Paseo dos Namorados.

A antiga Fábrica de Louza levantouse no ano 1804, co fin de imitar a louza de Bristol (Inglaterra). E nesa mesma época constrúese a Casa do Peso, onde se pesaba a louza para a súa venda, e o pazo de Ibáñez, residencia do marqués.

A estrada de peaxe ou Camiño Real é de 1849 e vai desde as Reais Fábricas ata o porto de San Cibrao, sendo a primeira estrada de peaxe de España.

A igrexa de Santiago de Sargadelos, que se levantou entre 1862 e 1865, é obra do arquitecto Ignacio Contento. Aínda que era pouco habitual que un autor recoñecido realizase unha obra no rural, neste caso o prestixio da zona pola presenza da fábrica foi determinante. Próximo a ela atópase o cemiterio, que conserva varias sepulturas de interese artístico.

A mediados o século XX experimenta un novo auxe da man de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

No seu museo histórico pódese contemplar a evolución da produción das Reais Fábricas de Sargadelos e realizar un interesante percorrido pola historia industrial galega máis sobresaínte.

Completa a túa visita: