Ruta do Río Xunco - Sargadelos
Esta ruta circular percorre parte do trazado dun antigo camiño real, acompañados polo río Xunco. Camiñaremos tranquilamente ao longo dun paseo variado e entretido que nos amosará algúns muíños, os restos da Real Fábrica de cerámicas de Sargadelos ou o seu museo histórico.
Iníciase a ruta na Praza do Souto en Cervo, moi preto do Ecomuseo, percorrendo logo, parte do Camiño Real de Sargadelos. Esta “estrada de peaxe” ou Camiño Real foi construído en 1849, desde as Reais Fábricas de Sargadelos até o porto de San Cibrao. Foi a primeira estrada de peaxe de España e a través dela lle enviaban ata o mar os produtos manufacturados e tamén chegaban certas materias primas necesarias para a fábrica.
Seguindo polo Camiño do Muíño, atoparemos rapidamente o río Xunco que nace nos montes do Buio e tras percorrer 15 km desemboca na Enseada de Rueta.
Poderemos ver ao longo do carreiro, o muíño do Mornelo que se atopa en perfecto estado e forma conxunto coa súa panadaría, lavadoiro, ponte e un bo exemplar de teixo que conforman unha fermosa paisaxe. Enseguida o camiño atravesa por unha ponte, desde onde poderemos ver a presa e o muíño do Pernán que, coas súas catro moas e un enorme cubo, moía só para os traballadores da fábrica e os habitantes de Sargadelos. Por último e xa moi preto do conxunto de Sargadelos está o muíño de Vernices, no que se facían as vernices para decorar as pezas da fábrica e onde, con posterioridade, construíuse unha pequena central hidroeléctrica
O bosque de ribeira coida do río
Acompañando ao río Xunco hai ameneiros, freixos, pradairos, salgueiros, abeleiras... que forman parte do bosque de ribeira, un bosque fresco e húmido onde, ademais das árbores adaptadas ao río, crecen outras plantas, conformando un corredor verde cheo de vida.
Os bosques de ribeira cumpren un papel ecolóxico fundamental na conservación dos ríos.
Sargadelos, un percorrido pola historia industrial
As Reais Fábricas de Sargadelos son declaradas conxunto histórico artístico en 1972. Estas fábricas foron nolos seus inicios a primeira siderurxica integral de España, creadas polo Marqués de Sargadelos a finais do s. XVIII.
A posterior implantación da industria cerámica neste lugar débese á riqueza natural en minas de caolín, imprescindible para a produción, á existencia de bosques, que facilitou o uso directo de madeira nos procesos industriais, a proximidade do mar, que favoreceu o transporte e a abundancia de auga para distintos procesos.
Este conxunto está formado pola presa, os restos das instalacións siderúrxicas, a Casa da Administración, a Antiga Fábrica de Louza, as cabaleirizas, a Casa do Peso, o Paseo dos Namorados, o Pazo de Ibañez, o Camiño Real, a Igrexa de Santiago de Sargadelos e o cemiterio.
Paseo dos namorados
Seguindo o río continúase polo "Paseo dos Namorados” que nos leva á bela presa do s. XVIII que fornecía de auga ao complexo industrial, envolvida de vexetación e formando unha pequena fervenza. Moi preto está a Fonte dá Tella, de dous caños, onde poderemos probar os seus namoradoras augas. Continúa o paseo polo Monte Escarabelada, pola senda botánica, cunhas 20 especies de árbores propias dos bosques galegos autóctonos.
Para volver ao momento de inicio, camiñando pola estrada, a 1 km escaso en Pía do Xunco, podemos visitar a Galería de Sargadelos de Cervo, con mostras das cerámicas propias e unha ampla mostra de cerámica popular española e estranxeira e tamén o Museo Histórico de Sargadelos no que se pode ver a evolución na produción das Reais Fábricas
Proseguimos a ruta, enlazando de novo co río Xunco para volver ao momento de inicio.
Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.