Punta Atalaia. Xeoturismo

 
Xeoturismo

A punta Atalaia sitúase no extremo norte do concello de Cervo. No pasado este enclave costeiro foi unha zona con varias explotacións mineiras para o aproveitamento do granito con fins ornamentais.

Rochas magmáticas: granitos e pegmatitas

As rochas que conforman este lugar son exclusivamente magmáticas, neste caso, granitos e pegmatitas. Os granitos pertencen ao grupo das magmáticas intrusivas, é dicir, rochas orixinadas a partir do arrefriado de magma no interior terrestre, a profundidades de entre 10 e 15 quilómetros, e por ese motivo os seus minerais son visibles dunha ollada. Neste caso o magma xerouse pola intensa calor producida por un gran choque de dous supercontinentes fai 318 millóns de anos.

Ocasionalmente estes granitos aparecen cortados por outras rochas de aspecto lineal e estreito, son as pegmatitas. Estes materiais poden parecerse aos granitos, pero os seus minerais teñen un tamaño moito maior, e a súa formación está en relación con cambios químicos que afectan aos granitos durante a súa cristalización. É por iso que son fonte de litio, coltán e terras raras, uns materiais imprescindibles no actual mundo tecnolóxico. Da mesma maneira as pegmatitas presentan con frecuencia cristais de minerais semipreciosos, como é a turmalina ou o granate.

Normalmente este tipo de granitos empregábanse nos muros de vivendas, debido a que tiñan unha textura moi homoxénea e se atopaban pouco degradados. Nesta contorna, a día de hoxe aínda son visibles as zonas de extracción de bloques e as fendas que realizaban os canteiros para proceder á rotura dos bloques.

Un excelente exemplo de tómbolo

Desde o punto de vista xeomorfolóxico, punta Atalaia é un excelente exemplo de tómbolo, unha das formas litorais máis buscadas polos primeiros poboadores, aproveitando a súa defensa natural en caso de ser atacados. A presenza dun importante asentamento castrexo evidencia este uso. Os tómbolos é o nome que recibe unha pequena península cun estreito istmo -moitas veces areoso-. Esta forma orixínase cando a acción mariña atopa un obstáculo -illa, illote, cabo etc.- e en consecuencia acumula sedimentos -area ou rochas- e créase un corredor que o une co continente. Non só San Cibrao, as cidades da Coruña e Xixón son tamén exemplos de tómbolos.

Recomendámosche

Máis información: Faro de Punta Atalaia.

Outras propostas para a práctica do Xeoturismo na Mariña. Máis info aquí.