Faro da Punta da Atalaia

 
Faro

Este faro situado nas proximidades de San Cibrao venlle dando servizo ao importante tráfico marítimo deste porto desde hai máis de 150 anos.  

Aprobouse a súa construción no ano 1860 por causa do importante tráfico de barcos que tiña o porto de San Cibrao, derivado do transporte da louza e fundición das Reais Fábricas de Sargadelos así como polo tráfico doutros buques que transportaban sillería.

Hoxe, a carón do vello faro, érguese outro de nova construción de maior altura e alcance, que se levantou para atender as demandas do tráfico marítimo do novo porto que se construíu coa posta en funcionamento da fábrica de aluminio en San Cibrao.

Este novo faro que se eleva 41 m sobre o chan ten un alcance de 20 millas náuticas.

A contorna do faro recuperouse para o uso público por parte dos visitantes que ata aquí se acheguen.