Río Eo e Ría de Ribadeo

 
Espazo natural Ría

Esta zona presenta tres figuras de protección que nos falan da grande importancia ecolóxica que agocha. Trátase dun enclave de especial interese para a avifauna acuática migradora e acolle importantes mostras de comunidades de fauna e flora  moi escasas como o pato rabilongo, o salmón, o fento botón ou a ceba, unha curiosa planta mariña.

A ZEC (Zona de Especial Conservación) Río Eo esténdese polo seu esteiro e por un extenso tramo fluvial que abarca a súa cunca baixa e media e tamén por boa parte dos leitos do río Rodil, así como pequenos tramos doutros afluentes.

A súa ría constitúe un dos principais ecosistemas de esteiro das costas cántabro-galaicas, e alberga importantes mostras de vexetación onde destacan as extensas chairas lamacentas e praderías cubertas pola ceba, unha curiosa fanerógama mariña e nas zonas máis interiores extensas marismas, nas que predominan as xunqueiras e importantes manchas de carriceira. Na boca do esteiro, preto da illa Pancha, domina a vexetación propia de cantís mariños cantábricos, de areal con dúas especies de acelgas salgadas ameazadas. Augas arriba presenta excelentes mostras do bosque de ribeira que conta coa presenza do relito macaronésico fento de botón.

O río Eo é un dos mellores refuxios para a fauna fluvial en Galicia, xa que nel existe unha importante poboación de mexillón de río, así como un dos escasos núcleos superviventes do cangrexo de río autóctono. Acolle unha das mellores poboacións de salmón atlántico de Galicia, ademais de lamprea, zamborca e boga do Douro. Tamén alberga unha poboación moi importante da escasa libeliña esmeralda de Curtis, e destaca a presenza  da auganeira e a lontra.

A ría de Ribadeo é ademais ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) xa que acolle importantes poboacións de aves acuáticas, particularmente durante o inverno, destacando pola invernada de asubiador e de pato rabilongo.

Tamén é importante a poboación de mazarico real  e os núcleos de mergullón de pescozo negro e de bilurico escuro, ambos escasos en Galicia. Tamén é un bo refuxio importante nas vagas de frío para moitas aves acuáticas, como no caso das avefrías.

Ademais este lugar esta declarado Humidal de importancia internacional (Convenio Ramsar).