Rinlo
Rinlo é unha pequena vila con porto de orixe medieval, creada nun dos poucos entrantes axeitados desta costa: a enseada de Areosa. Lugar tradicional de mariñeiros e noutro tempo tamén de baleeiros, a súa Confraría de Pescadores é unha das máis antigas de España.
Ademais da arquitectura mariñeira popular, coas casas a dúas augas amoreadas sobre os cantís e rueiros estreitos, en Rinlo atopamos mostras significativas da construción indiana. Destaca a Casa de don Inocencio, que data de 1912, con tres andares, abondosa ornamentación e un miradoiro no alto que tivo funcións de faro.
O paseo da costa da rasa cantábrica permítenos descubrir as formas deixadas nas rochas polo traballo do mar, como ollos e furnas e en Rinlo, ademais as antigas cetarias. Construídas para a cría do marisco, a máis antiga data de 1901, sita nun recuncho recollido da costa que forma unha piscina natural.
A gastronomía é un dos elementos diferenciadores desta pequena localidade , na que os produtos do mar son os protagonistas, nomeadamente o arroz caldoso con marisco.
Como en todo o municipio de Ribadeo, tamén veciños de Rinlo que fixeron fortuna nas Américas deixaron legados na súa vila natal. Así, grazas a Jesús Rodríguez Muras, a comezos do século XX puidose construír en Rinlo a escola e a traída da auga.
A zona das hortas que arrodea a vila reflicte como a economía doméstica, aínda que vinculada principalmente co mar, completábase cos produtos do campo para autoconsumo.