As Catedrais
Fronte costeira aberta, orientada en dirección leste-oeste ao longo da rasa cantábrica, con rochedos e cantís mariños de baixa altura e praias areosas intercaladas entre pequenos promontorios e illotes, de grande interese xeomorfolóxico, botánico e extraordinaria beleza. Os valores máis importantes son as furnas e a presenza de acelga salgada, o pilro escuro, o falcón peregrino ou o sapo raxado.
Este espazo natural está protexido pola Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación e tamén está declarado Monumento Natural.
Co fin de evitar o deterioro deste lugar, as visitas ao mesmo deben reservarse con suficiente antelación a través da web da Xunta de Galicia.
A beiramar da Praia das Catedrais, coñecida tamén como Augas Santas, acolle unha xoia botánica nos seus cantís, a acelga salgada, que se encontra en perigo crítico de extinción en España. Entre a fauna que acolle destacan o lagarto das silveiras, a lagarta galega e a menos común lagarta da serra, endemismos do noroeste ibérico presentes nas matogueiras e penedos da ZEC.
Tamén destaca pola existencia dunha notable poboación de limícolas invernantes no litoral rochoso e nas praias, como o virapedras, e o máis escaso pilro escuro, cuxos efectivos invernantes na Península Ibérica son moi limitados.
O Monumento Natural, coincide en parte coa fronte costeira da praia das Catedrais, oriéntase en dirección leste-oeste, ao longo da rasa cantábrica, con 2,2 kms de fronte e de 10 a 20 m de altura.
Caracterízase pola presenza de pequenos cantís mariños e praias de area, intercaladas entre pequenos promontorios e illotes de grande interese xeomorfolóxico e paisaxístico.
Dentro dos límites do Monumento Natural Praia das Catedrais discorren dous pequenos cursos fluviais: o regato do Perdón e o Rego de Esteiro.
Os característicos arcos e túneis son as formas xeomorfolóxicas máis numerosas e acadan ata os 30 m de altura, pero tamén se conservan covas (ou “furnas”) e illotes (“stacks”) que constitúen vestixios de antigos arcos afundidos pola acción erosiva das ondas.
Nas Catedrais pódense observar pequenas formacións dunares adentrándose no continente, e a parte más baixa dos acantilados está cuberta por algas, mexillóns, percebes, lapas e belotas de mar.
É un espazo cunha elevada biodiversidade, e nel se identificaron un total de 16 hábitats protexidos, dos que 4 se consideran prioritarios.
Realiza unha visita respectuosa
En 2015, debido ao deterioro que estaba a sofrir polo impacto de miles de persoas, optouse por organizar as visitas mediante reserva para espaciar os paseos turísticos no tempo e preservar este fráxil ecosistema. Resulta necesario ter presente as normas e condicións de acceso e os riscos da visita ademais de ter un comportamento respectuoso que axude a conservar esta marabilla natural e xeolóxica.
Se desexas percorrer o areal das Catedrais durante a túa visita á Mariña Lucense en Semana Santa e nos meses de xullo, agosto e setembro deberás realizar previamente unha reserva de forma gratuita. As opcións dispoñibles son:
- Vía Web en https://ascatedrais.xunta.es.
- Bus Lanzadeira que sae de Ribadeo e Foz pasando por Barreiros.
- Aloxándose nalgún establecemento de Ribadeo, poderás solicitar un pase no mesmo.
- Utilizando un taxi desta vila para facer o percorrido Ribadeo - As Catedrais.
Fora desos períodos o acceso ao areal é libre e non necesitarás dunha reserva previa.