Ruta do Ferrocarril do Río Eo

 
Sendeirismo

Interesante ruta, a única Vía Verde de Galicia que comparte con Asturias, e que discorre pola antiga vía do ferrocarril mineiro que unía Vilaoudriz con Ribadeo. Paralela ao río Eo, na súa viaxe cara ao mar atravesa varios túneles e un frondoso bosque de ribeira que dá cobertura a un río caudaloso e de augas transparentes no que sobrevive o emblemático salmón atlántico.

Antiga estación de ferrocarril da Pontenova (A Pontenova)
Área Recreativa de San Tirso de Abres (Asturias)
12 Km
4 h
Ruta lineal
Dificultade
Global
Baixa

A ruta parte da vella estación do ferrocarril, convertida na actualidade en oficina de turismo e próxima a ela atópanse os fornos de Vilaoudriz.

Fornos de Vilaoudriz, testemuñas do pasado industrial da Pontenova

Estes impresionantes fornos son o vestixio do potencial mineiro do pasado, cuxo maior florecemento tivo lugar a partir do 1900 coa creación da “Sociedad Minera de Villaoudriz” por Jullo Lazúrtegui. Os fornos están formados por cinco chemineas troncocónicas de 11 m de altura e 4 de ancho, onde se procesaba o mineral.

Nos montes de Vilaoudriz explotáronse varias minas de ferro fosfórico. Nos fornos tras o proceso de calcinación do ferro, conseguíanse eliminar os residuos fosfóricos deste, coñecidos como escouras, que posteriormente se utilizaban como fertilizantes.

Co fin de transportar o ferro ata o porto de Ribadeo para embarcar con destino a distintos lugares de Europa, en 1902 construíuse un ferrocarril de 34 km de percorrido, que desde 1905 tamén levaba pasaxeiros en dous vagóns, distribuídos en tres clases. Vicisitudes bélicas e comerciais fixeron que en 1964 deixase de funcionar, quedando só os fornos como símbolo dunha explotación que durou máis de 60 anos.

 

O tramo galego, que está asfaltado, vai desde A Pontenova ata a paraxe de Cairo, pasando pola fonte de Boulloso, un antigo forno e varias áreas recreativas e aldeas. O tramo asturiano transita por camiños de terra, atravesando varios túneles, algúns practicados directamente na rocha, unha escada para salmóns, pequenas centrais hidroeléctricas e unha ponte metálica.

O río Eo descóbrenos grandes tesouros naturais

O río Eo nace en Fonteo, a uns 680 m na Serra de O Miradoiro, e tras atravesar a ZEC Río Eo desemboca na Ría de Ribadeo que é ZEPA e Humidal de importancia internacional.

Entre os hábitats que sobresaen nestes espazos naturais destacan os corredores fluviais ou bosques de ribeira de ameneiros e freixos, e as fragas de carballos que dan refuxio e alimento a unha gran diversidade de especies, algunhas das cales son raras, están ameazadas ou en perigo de extinción pola desaparición destes bosques.

O río Eo é un dos mellores refuxios para a fauna fluvial en Galicia, xa que acolle unha importante poboación de mexillón de río, así como un dos escasos núcleos sobreviventes do cangrexo de río. Entre a vexetación saturada de humidade da ribeira vive o curioso e escaso caracol de Quimper, a lesma galaico-irlandesa e anfibios como a endémica píntega rabilonga.

Unha verdadeira xoia deste río é o salmón atlántico que ten aquí una as mellores poboacións de Galicia. O tamaño das poboacións desta especie migratoria, que vive no mar e remota os ríos para a súa reprodución, antigamente moi abundantes, veñen rexistrando descensos alarmantes durante as últimas décadas por causa de varios problemas ambientais que afectan aos ríos e aos mares.

Lectura da ruta

Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.