Basílica de San Martiño de Mondoñedo
Está considerada a catedral máis antiga de España.
Parece ter orixe prerrománica, polos indicios da existencia dun vello mosteiro que precedería ao que podemos hoxe visitar: unha construción de finais do século XI, do estilo románico, cuns grandes contrafortes engadidos no século XVIII. Acolle un Museo, onde destacan o anel e o báculo de San Gonzalo e desde o ano 2018, conta cun un Centro de interpretación situado na antiga casa reitoral.
Desde o ano 1931 está catalogada como Ben de Interese Cultural.
No 2007 foille concedida a categoría de basílica.
O máis chamativo da súa longa historia é que no século IX foi sé episcopal dobre: obispado dumiense por unha banda, trasladado desde Dumio (Braga, Portugal) e obispado britoniense por outra banda, trasladado desde Bretonia (Lugo). O primeiro trasladouse por fuxir dos vikingos e o segundo por fuxir dos musulmáns.
Nos séculos posteriores o bispado trasladouse a Mondoñedo e co paso do tempo o templo deixou de ter carácter monacal. Dende o século XVII é simplemente igrexa parroquial .
O seu estilo arquitectónico é pouco habitual no noroeste peninsular: románico lombardo-catalán, en contraposición ao dominante , o borgoñón ou francés (introducido polo Camiño de Santiago e con gran expoñente na catedral compostelana). Atopamos elementos arquitectónicos dos séculos X, XI e XII. Ten tres naves con tres ábsidas semicirculares, nas que se aprecian as bandas e os arquiños cegos do estilo lombardo. Na parte sur atópanse o sepulcro do bispo San Gonzalo e o Museo parroquial.
A carón da basílica está a fonte da Zapata. A lenda conta que San Gonzalo tirou nese lugar unha alpargata e abrollou alí auga, con propiedades milagreiras.
Outra lenda atribúe ás pregarias do santo o fracaso dunha incursión pirata na ría de Foz.
A partir de Semana Santa (inclusive) e ata finais de setembro: visitas guiadas ás 10:45, 13:15 e 19:15. É necesaria a reserva/inscrición previa no teléfono 982 132 607.
Dende outubro e ata Semana Santa: para as visitas guiadas é necesario chamar e concertar cita no teléfono 982 132 607.