Castro de Fazouro
Situado xunto á praia de Arealonga na parroquia de Fazouro (municipio de Foz), o castro ocupa a pequena península de Punta Fazouro ou Punta do Castro.
Os achádegos arqueolóxicos son testemuña da convivencia entre a cultura castrexa e a romana.
É un dos castros costeiros máis escavados de toda a costa cantábrica galega e o único visitable. Presenta forma pentagonal e ocupa unha superficie de 700m2, malia que é probable que a erosión mariña propiciase a desaparición dunha parte.
Aprecianse as murallas, o grande foxo escavado na rocha e parte das vivendas, todas de forma rectangular menos unha, con forma ovalada. A romanización provocou o abandono progresivo das construcións circulares - típicas castrexas - e o paso ás rectangulares.
Na escavación arqueolóxica atopáronse, entre outros, unha moeda romana de Antoniano, unha fíbula, restos de olería e un muíño circular que presupoñen unha ocupación entre os séculos I a.C e III d.C.
Os restos orgánicos apuntan ao aproveitamento dos recursos mariños e do gando ovino.
Tan só se escavaron unhas poucas vivendas na zona Norte do castro. Nelas podemos apreciar, por exemplo, bancos adosados aos muros (posibles zonas de traballo) e laxes na parte central (a lareira), así coma lousas nalgunhas paredes que apuntan a unha posible escada para un segundo andar (pouco habitual na época).
Por mor das ameazas de invasores e saqueadores, os castros costeiros fixéronse máis vulnerables e foron abandonados paseniñamente.