Audioguías ficcionadas

 

As Audioguías ficcionadas da Mariña Lucense, son unha iniciativa – pioneira en España – do ente xestor do xeodestino, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014. No proxecto colaboran tamén a través de convenios de colaboración e do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022 - 2024, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e participan os municipios escenarios das guías.

É unha aposta por mellorar a túa experiencia viaxeira a través dun produto de calidade, personalizado e adaptado a cada municipio. Son historias ambientadas en tres localidades: Alfoz, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Resultado dun cuidado proceso de documentación, identifícanse sucesos, personaxes e lugares con nome propio que sirven para transmitir a idiosincrasia e esencia de cada un dos municipios.

Relatos ficcionados e dramatizados que configuran un paseo ameno e suxerente con intervención de recursos documentais e literarios, mapas sonoros, dramatizacións, entrevistas, voces narradoras, música, gravación binaurual…cada audioguía ten un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que busca a implicación emocional por parte da persoa que escoita, provocar a curiosidade e promover que se fagan os diferentes paseos.

Como funciona

 As audioguías ficcionadas propóñenche un percorrido relaxado e sinxelo – en todos os casos de menos de 50 minutos – que podes realizar individualmente, en parella ou en grupo.

Están dispoñibles en galego, castelán, inglés e francés.

 Podes reproducilas ou descargalas (en Safari pulsando por uns segundos o botón azul de descargar e en Chrome unha vez clicas nos tres puntos en vertical da marxe dereita) de forma gratuíta no teu dispositivo móbil, MP3 o MP4 desde esta mesma web accedendo ao seu apartado correspondente aquí abaixo.

 É necesario que dispoñas duns auriculares, preferiblemente illantes, para aproveitar mellor o seu son envolvente e vivir unha experiencia de maior calidade.

 Nas oficinas de turismo locais e, no caso de Cervo, no Museo Histórico de Sargadelos poderás alugar auriculares illantes coa audioguía incluida. Estes lugares están situados sempre próximos ao comezo do roteiro. O simbólico prezo é de 2 €, con gratuidade para nenos e nenas de ata 12 anos e para outros colectivos concretos, coma no caso dos centros educativos.

Coa finalidad de que cada vez máis xente se anime a realizar estos paseos e a coñecer este produto de turismo cultural pioneiro en España, contarás temporalmente co servizo de aluguer de forma gratuita.

¡Aproveita esta oportunidade! 

Para evitar incidentes, é moi importante que realices paradas en lugares seguros e que teñas coidado co tránsito rodado ao camiñar.

Agardamos que disfrutes da experiencia!