Audioguía ficcionada de Foz
Memorias poéticas de Foz
Voces dunha vida ligada ao mar
A fonda e antiga vinculación de Foz co mar percíbese non só nos seus monumentos e na fisionomía da vila, que agocha sutís pegadas da súa historia, senón tamén nos ecos de vidas remotas que forman parte da esencia local.
Este paseo audioguiado de 45 minutos percorre a marxe litoral de Foz para falarnos da difícil configuración do porto e da entrada da ría, da importancia das actividades vencelladas ao mar, da transcendencia da praia e da lembranza de antigos barrios mariñeiros.
O relato de Rosa, a nosa guía, convértese nun diálogo a varias voces con participación de veraneantes e veciños. Escoitarás falar das peixeiras focegas que percorrían a comarca; de como era o barrio da Ribeira e Tupide antes dos recheos, espigóns e peiraos; de como era a praia da Rapadoira e os seus arredores antes de que a urbanizasen; da orixe histórica do Campo da Cabana e do peculiar humor das súas xentes; da tradición conserveira; do auxe da carpintería de ribeira; das Carolas e os Carolos; do naufraxio do Xesús Nazareno; da procesión do Carme e as alfombras de flores. E sobrevoando o paseo, escoitarás cantados e musicados os poemas de Faneca, un personaxe inventado por Xosé de Socorro que fai unha crónica poética daquel tempo mítico en que Foz vivía case dentro do mar.
Duración: 45 minutos
Clica na imaxe inferior para ampliar o mapa co percorrido da audioguía
Para ter en conta:a través do Camiño Natural Ruta do Cantábrico, podes percorrer a senda costeira que beirea a ría de Foz, gozando dunha fermosa paisaxe.
En todo momento, a través dos diferentes relatos, irás recibindo indicacións por onde debes ir. Por iso, unha vez conectado o son non se debe interromper e terás que apagalo só ao chegar ao final. Recomendámosche que encendas o audio e te deixes levar pola historia única e diferente destes lugares. Para evitar indicentes é moi importante que realices paradas en lugares seguros e que teñas coidado co tránsito rodado ao camiñar. Agardamos que disfrutes da experiencia!