Audioguía ficcionada de Mondoñedo
Mondoñedo e familia
Un paseo emocionante pola cidade de Cunqueiro
O roteiro por Mondoñedo está baseado na figura do universal escritor Álvaro Cunqueiro, utilizando os espazos urbanos vencellados coa súa vida e coa súa obra como fío condutor.
O relato abórdase desde un formato que mestura o documental, o testemuñal e o novelado. Entre a ficción e a realidade, como lle gustaba a Cunqueiro. Escóitanse as voces de varios veciños e veciñas reais de Mondoñedo que comparten os seus recordos sobre o escritor. Alicia coñeceu desde nena a Álvaro, pois é sobriña do seu irmán Pepe e conviviu moito coa outra irmá, Carmiña. Remedios é a filla do Pallarego, amigo e compañeiro de aventuras de Cunqueiro. José María é xornalista e coñece mil historias e anécdotas sobre Mondoñedo. Ángel é un veciño da cidade namorado da obra de Cunqueiro. Fernando traballou toda a vida na imprenta Sucesores de Mancebo. Son testemuñas directas dun tempo e dun lugar, que doutro xeito unha persoa que visitase a cidade non tería oportunidade de coñecer. Sobre esa base documental créase un personaxe ficticio que integra os relatos de cada voz e acompañaranos por rúas, prazas e parques.
Ademais de Cunqueiro, hai alusións a anecdotas e historias doutros personaxes locais como o mestre Pacheco, Pascual Veiga, Eustorgia Acebo, Francisco Fanego, Aquilino Iglesia Alvariño, Bernardino Vidarte, Manuel Ledo “O Pallarego”, Juan Puchades, Eduardo Lence Santar, Manolo Montero, Panchito, Lamparillas, Juan Mon, Manuel Leiras Pulpeiro...
O punto de partida é a oficina de turismo e o paseo remata no Cemiterio Vello. Visítanse e fálase de lugares como a antiga Casa do Concello, a estatua sedente de Cunqueiro, a casa natal de Pascual Veiga, o Seminario de Santa Catarina, a Fonte Vella, a casa natal de Cunqueiro, a barbería do Pallarego, a farmacia do pai de Cunqueiro nos baixos do pazo episcopal, a Catedral, a casa natal de Lence Santar, a Escola de Obreiros Católicos, Cine Pacheco, Convento das Concepcionistas, libraría Montero, Café Madrid, Imprenta de Sucesores de Mancebo, Casa do Concello, Igrexa Nova, Cemiterio Vello...
Duración: 47 minutos.
- Oficina de turismo/Antigo - Antiguo Consistorio
- Estatua de Cunqueiro
- Rúa Pascual Veiga
- Praza do Seminario
- Rúa da Fonte e Fonte Vella
- Praza da Catedral
- Rúa Lence Santar
- Rúa Pacheco
- Rúa Concepción
- Praza do Concello
- Igrexa Nova
- Rúa Lodeiro Piñeiroa
- Rúa Julia Pardo Montenegro
- Cemiterio Vello