Audioguías ficcionadas
As Audioguías ficcionadas da Mariña Lucense, son unha iniciativa – pioneira en España – do ente xestor do xeodestino, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014. No proxecto colaboran tamén a través de convenios de colaboración e do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022 - 2024, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e participan os municipios escenarios das guías.
É unha aposta por mellorar a túa experiencia viaxeira a través dun produto de calidade, personalizado e adaptado a cada municipio. Son historias ambientadas en nove localidades: Alfoz, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e Xove. Resultado dun cuidado proceso de documentación, identifícanse sucesos, personaxes e lugares con nome propio que sirven para transmitir a idiosincrasia e esencia de cada un dos municipios.
Relatos ficcionados e dramatizados que configuran un paseo ameno e suxerente con intervención de recursos documentais e literarios, mapas sonoros, dramatizacións, entrevistas, voces narradoras, música, gravación binaurual…cada audioguía ten un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que busca a implicación emocional por parte da persoa que escoita, provocar a curiosidade e promover que se fagan os diferentes paseos.
Como funciona
As audioguías ficcionadas propóñenche un percorrido relaxado e sinxelo – en todos os casos de menos de 50 minutos – que podes realizar individualmente, en parella ou en grupo.
Están dispoñibles en galego, castelán, inglés e francés.
Podes reproducilas ou descargalas (en Safari pulsando por uns segundos o botón azul de descargar e en Chrome unha vez clicas nos tres puntos en vertical da marxe dereita) de forma gratuíta no teu dispositivo móbil, MP3 o MP4 desde esta mesma web accedendo ao seu apartado correspondente aquí abaixo.
É necesario que dispoñas duns auriculares, preferiblemente illantes, para aproveitar mellor o seu son envolvente e vivir unha experiencia de maior calidade.
Nalgunhas oficinas de turismo ou espazos de interese turístico-cultural poderás alugar auriculares illantes coa audioguía incluída. Estes lugares están situados sempre próximos ao comezo do paseo. O simbólico prezo é de 2 €, con gratuidade para nenos e nenas de ata 12 anos e para outros colectivos concretos, como no caso dos centros educativos ou de asociacións de interese social e cultural. Descobre que oficinas de turismo ou outros espazos dispoñen deste servizo entrando na información de cada Audioguía.
Coa finalidad de que cada vez máis xente se anime a realizar estos paseos e a coñecer este produto de turismo cultural pioneiro en España, contarás temporalmente co servizo de aluguer de forma gratuita.
¡Aproveita esta oportunidade!
Para evitar incidentes, é moi importante que realices paradas en lugares seguros e que teñas coidado co tránsito rodado ao camiñar.
Agardamos que disfrutes da experiencia!