Descubre A Mariña lucense seguindo os pasos do Mariscal Pardo de Cela

Pedro Pardo de Cela Aguiar Ribadeneira é un dos grandes protagonistas da historia da Mariña Lucense. A súa loita contra a anexión de Galicia por parte dos Reis Católicos, que levou ao seu  aprisionamento e execución, deixou rastro por gran parte do territorio mariñán en forma de historias, lendas e construcións únicas.

Descubre os sucesos que marcaron a súa vida e os lugares que foron testemuñas desta época decisiva para Galicia a través da Ruta do Mariscal Pardo de Cela e goza do seu grande interese paisaxístico, histórico e monumental.

Viveiro

Esta localidade acolleu a Pardo de Cela durante un tempo no cal foi alcalde e exerceu o seu señorío. O convento de San Francisco, monumento histórico nacional de estilo  románico-gótico, garda os restos da súa filla Constanza de Castro, que loitou xunto a el para manter a soberanía do Reino de Galicia. En cambio, os corpos do mariscal e do seu fillo fixéronse desaparecer para que o pobo galego non puidese veneralos de ningún xeito. En 1476 foi destituído da alcaldía e no 78 foi expulsado de Viveiro.

Descubre o centro histórico desta bonita vila a través da  audioguía ficcionada “Conversacións nun Viveiro Fantástico",  visitando lugares como a Praza Maior, o Colexio Insigne, a Casa dos Leóns, a igrexa de Santa María, o Pazo Valledor e moitos máis.

O Valadouro

O Valadouro foi o escenario decisivo da confrontación que protagonizaron o  mariscal e os Reis Católicos. Crese que Pardo de Cela, pertencente a un das grandes estirpes de Galicia, naceu nesta zona da Mariña Lucense.mariscal contrae matrimonio con dona Isabel de Castro, filla do primeiro conde de Lemos e sobriña do entón bispo de Mondoñedo, ligándose así a poderosas liñaxes do Reino de Galicia.

Castelo da Frouxeira

Esta fortaleza entre Foz y Alfoz foi o agocho de Pardo de Cela durante a súa loita, sendo finalmente apresado acusado de traizón. Hoxe en día, só atopamos as ruínas que quedan desta, xa que se ordenou a súa destrución tras a execución do mariscal. Descúbreas e admira as vistas que se observan desde este enclave.

Visita Foz e a súa basílica de San Martiño de Mondoñedo, monumento nacional e considerada como a primeira catedral de España.

Castelo de Castrodouro

Este monumento histórico artístico situado en  Castrodouro (Alfoz) foi, desde a súa alianza con dona Isabel de Castro, outra das fortalezas do mariscal. Pérdea tras a súa morte, sendo destruída ata a reconstrución que realiza a diocese mindoniense.

De época medieval hoxe en día só se conservan as estruturas exteriores da impoñente Torre da Homenaxe. O edificio acolle varias dependencias municipais que contribúen á súa posta en valor: punto de información turística, sala de exposicións e unha sala museo. Goza do miradoiro que ofrece a súa situación sobre os dominios do  mariscal. A lenda conta que dende aquí parten pasadizos subterráneos que o unen co río Ouro e A Frouxeira.

Aos pés da Torre do  mariscal atópase o Parque Etnográfico da Auga Finca Galea, enclave natural de obrigada visita no que a auga se erixe como protagonista.

Mondoñedo

Na praza da Catedral da histórica vila de Mondoñedo tivo lugar a execución pública de Pardo de Cela o 17 de decembro de 1483.

A súa muller, dona Isabel de Castro, obtivo o perdón da raíña Isabel a Católica para o mariscal, pero os seus inimigos retivérona no Barrio de Os Muíños co fin de conseguir que se alcanzase a hora fixada para a súa decapitación. Por iso é polo que a ponte que dá acceso ao barrio chámase Ponte do Pasatempo. Conta a lenda que, mentres a súa cabeza rodaba, Pardo de Cela berrou: “Credo, credo, credo!”

Descubre esta preciosa vila en pleno Camiño de Santiago a través da audioguía  ficcionada “Mondoñedo e familia”, pasando por lugares imprescindibles como a Catedral, a antiga Casa  o  Concello, a estatua do escritor Álvaro Cunqueiro ou a casa natal de Pascual Veiga.

Lourenzá

O Mariscal Pardo de Cela estaba moi vencellado a estas terras xa que era protector do mosteiro beneditino de San Salvador. Visita este monumento románico-barroco que serviu como ensaio para construír a famosa fachada barroca da Catedral de Santiago de Compostela.

Visita A Mariña Lucense e coñece os seus monumentos e paisaxes a través da historia do último defensor da soberanía do reino de Galicia, o mariscal Pedro Pardo de Cela.