Viveiro

 

Pequena cidade de orixe medieval, en Viveiro atopamos prezadas mostras tanto da arquitectura civil como da relixiosa que conforman un patrimonio rico e variado: os restos da muralla, o mosteiro de Valdeflores, as rúas gremiais (Zapataria, Ferreiros, do Forno), casas con balconadas e galerías acristaladas, ou a Praza de Santa María del Campo declarada Conxunto Histórico-Artístico ...son só un pequeno exemplo do que garda a vila.

Viveiro sitúase na ría do mesmo nome, formada pola desembocadura do río Landro no Cantábrico. É peza fundamental da chamada Mariña Occidental.

As primeiras mencións documentais da terra de Vivarii están datadas no ano 857. Nos séculos XII e XIII configúrase a actual vila; o seu porto será un dos principais centros comerciais do norte peninsular. Gozou desde antigo do título de Moi Nobre e Leal Vila e dos privilexios que lle foron concedendo os distintos monarcas.

O románico deixou importantes pegadas: as igrexas de San Pedro, de Santa María , a antiga conventual de San Francisco e o Mosteiro de Valdeflores. De orixe medieval tamén  é a Ponte Maior sobre o Landro, ampliada nos séculos  XV, XVI e XVIII.

Durante os séculos XVIII e XIX a fisionomía medieval da vila pérdese ao desaparecer as murallas, os torreóns e tres das seis portas.

Aínda permanecen en pé  tres das  portas do recinto amurallado: a do Valado, a da  Vila e a de Carlos V, sobre a que se ven as armas imperiais, as primitivas do Reino de Galicia e as propias da cidade.

Na actualidade, Viveiro é cabeza de partido xudicial e centro administrativo, comercial, cultural e turístico da Mariña Occidental. O porto de Celeiro é un dos máis importantes da cornixa cantábrica e de Galicia.

Mapa Mariña LucenseVer mapa interactivo