Vilas históricas
Ao longo da beiramar e do interior do territorio da Mariña lucense foron asentándose ao longo do tempo, primeiro poboados castrexos, logo aldeas que, posteriormente, se transformaron en vilas medievais que evolucionaron ata o día de hoxe, converténdose en vilas e cidades que concentran importantes valores históricos, arquitectónicos e culturais que merecen unha sosegada visita.
Destacan na Mariña tres vilas ou cidades cunha grande relevancia histórica que seguen mantendo un importante vitalismo, sendo polo de atracción para os visitantes polos seus atractivos e polas que dá gusto camiñar polas súas rúas, tranquilamente, descubrindo o carácter aberto e hospitalario dos seus veciños.
Mondoñedo foi a capital do antigo Reino de Galicia e tamén foi a sede episcopal desde o século XII. Dende 1156, por concesión do rei Alfonso VII de León, posúe o título de cidade. Declarada Conxunto Histórico-Artístico, esconde un casco antigo recolleito pero con importantes monumentos, destacando entre eles a súa catedral. É ademais o berce de escritores como Álvaro Cunqueiro ou Leiras Pulpeiro.
Viveiro con 900 anos de historia, está intimamente vinculada ao mundo do mar. Garda xoias arquitectónicas como a Porta de Carlos V, as súas prazas gremiais, o mosteiro de Valdeflores e unha arquitectura urbana con casas de galerías de gran beleza. A praza de Santa María do Campo, no mesmo centro da cidade, foi declarada Conxunto Histórico-Artístico no ano 1982.
Ribadeo ten un pasado fidalgo e o seu casco antigo conserva fermosos conxuntos arquitectónicos onde se mesturan casas populares de artesáns e mariñeiros coas impresionantes casas indianas de gran valor patrimonial. O conxunto histórico do seu centro urbano tamén está declarado como Ben de Interese Cultural.
Os tres conxuntos contan con oficinas de turismo de apertura permanente e coas Audioguías Ficcionadas da Mariña Lucense. Paseos audioguiados que che permitirán coñecer dunha forma amena e suxerente un pouco máis sobre sucesos, personaxes e sitios con nome propio que serven para transmitir a idiosincrasia e esencia de cada un destos lugares. ¡No o perdas!
Tamén, durante os meses de verán, estes concellos organizan visitas guiadas polo seu patrimonio mais destacado. Accede a mais información clicando na vila que mais che interese aquí abaixo.