Pozo da Ferida
O Pozo da Ferida é unha fervenza localizada no concello de Xove, case no linde con Viveiro. Neste punto, o río encáixase e forma este salto de máis de 30 m de altura. Na súa base orixinouse unha poza circular rodeada de ameneiros, salgueiros, carballos e fieitos: un lugar con moito encanto e historias de lenda.
Está situada nas proximidades dos montes do Buio, unha pequena serra localizada entre as parroquias do Monte (Xove) e Chavín (Viveiro), onde nace o río Xudreiro ou Loureiro, tributario do Landro, e que no seu camiño cara ao mar forma esta fervenza.
A fervenza conta con varias lendas, como a que conta que a súa presa foi construída polos habitantes do castro de Loureiro ou outra que conta que o pozo non ten fondo e que as augas teñen a cor do esterco porque caeu alí unha vella xigante que levaba ao lombo este material e xa nunca se puido levantar.
A palabra “ferida” parece referirse ao corte ou fenda producida pola erosión da auga ao discorrer sobre a rocha. Nas proximidades da fervenza atópanse tamén as ruínas dun antigo muíño.