Monumento Natural Souto da Retorta
No século XIX chegou o eucalipto a Galicia, cando Fray Rosendo Salvado, relixioso galego, trouxo as súas sementes desde as afastadas terras australianas onde fora misioneiro. Dentro do souto destaca e abraia un rodal duns 600 eucaliptos, algúns deles centenarios e de gran tamaño, aos que debe o sobrenome polo que tamén é coñecido: o eucaliptal de Chavín.
No ano 2000 declárase Monumento Natural, pasando a ser un espazo natural protexido.
IMPORTANTE
* O acceso ao Monumento Natural Souto da Retorta permanecerá pechado temporalmente dende a última semana de xuño de 2024 por labores de mantemento e saneamento do propio bosque. Debido a que non existe unha previsión de cando poderían finalizar estes traballos, actualizarase esta nota en canto se teña coñecemento da súa reapertura.
O espazo ten unha superficie de 3,19 ha. e ademais dos eucaliptos centenarios, presenta tamén especies arbóreas típicas do bosque atlántico e do bosque de ribeira, ademais de felgos de gran tamaño.
Pola pequena ruta a carón do rio Landro pódense contemplar pequenos saltos e fervenzas, como O Salto do Can, formado cando se desembalsa auga da presa da minicentral. Tamén poderemos ver a Pena da vella, unha rocha granítica de grandes dimensións.
Os eucaliptos do Souto da Retorta plantáronse a partir de 1860 para a drenaxe das terras baixas que se anegaban con frecuencia a consecuencia das arroiadas dos regatos tributarios do río Landro.
Os eucaliptos de Chavín destacan por alcanzar unha altura considerable, as maiores da península e das maiores de Europa, e entre eles cómpre salientar O Avó, de 126 anos, unha altura de 71,4 m e un perímetro de 7,6 m.
No ano 2000 foi incluído entre os espazos naturais como Monumento Natural e en 2007, o maior exemplar, O Avó, no "Catálogo Galego de árbores senlleiras" pola idade e grosor do seu tronco.