Igrexa de Santa María do Campo

 
Igrexas-capela

O templo mais antigo de Viveiro, do século XII, situado na parte máis alta da vila. A igrexa,de estilo Románico, desde o ano 1982 está protexida legalmente, considerada Ben de Interese Cultural e formando parte do Conxunto Histórico Artístico do casco histórico. Os seus sinais de identidade son o seu rosetón, a portada de arquivoltas e no seu interior unha magnífica cruz procesional, que a converten nunha das igrexas urbanas máis puras e completas de Galicia.

A igrexa é de planta basilical con tres naves separadas por columnas de altura e grosos pouco frecuentes. Conta cunha ábsida, cuberta con bóveda de canón semicircular. A portada principal desta igrexa consta de catro arquivoltas semicirculares, apoiadas  sobre tres columnas. Catro chanzos ofrecen o acceso ao templo. Sobre a portada hai un tornachuvias e enriba un fermoso rosetón. A fachada termina en punta de dúas vertentes e está coroada por unha cruz. Dúas torres flanquean a entrada ao templo: a Torre do Reloxo, barroca do século XVIII e a Torre das Campás do século XIX. No interior, a capela de San Gregorio é do século XV e a do Rosario do século XVIII con retablo barroco. No tímpano interior da fachada norte, está o artístico grupo escultórico policromado da Piedade (século XVI), procedente da derrubada Porta das Angustias. O altar do “Amor Hermoso” custodia reliquias de santas mártires traídas de Roma no século XVI polo xesuíta, Juan García Junceda. Mención aparte merece a magnífica Cruz procesional do século XVI, de forma flordelisada e follaxes platerescos con magníficos ornamentos e ourivaría.

A Venerable Confraría do Santísimo Rosario, foi creada no ano 1282 no desaparecido Convento de Santo Domingo.

Visitas

O interior da igrexa pode verse a través dunhas pequenas fiestras no portalón interior da fachada principial de 11 a 20 h. A igrexa pode visitarse por dentro os martes, xoves e sábado despois da misa das 20 h. ou os domingos despois da misa das 11 h.