Miradoiro de San Roque. Xeoturismo

 
Xeoturismo

O miradoiro de San Roque atópase na marxe dereita da ría de Viveiro e dentro do seu termo municipal. Esta ría, dende o punto de vista xeolóxico, representa un límite moi importante entre formacións e ambientes xeolóxicos.

A presenza dunha gran falla de case 200 quilómetros é a responsable, e esténdese da serra do Courel ata o bordo da plataforma continental -a uns 50 km mar dentro da costa de Viveiro-. Unha falla que se orixinou hai uns 300 millóns de anos como resultado do colapso dunha gran cordilleira montañosa semellante ao Himalaia. Estas montañas formáronse a partir dun dos choques entre placas tectónicas maiores da historia da Terra, o mesmo evento que deu lugar a Panxea.

Unha falla moi especial

A ambos os dous lados da falla atópanse materiais xeolóxicos que en orixe estaban a profundidades moi diferentes, pero a actividade da falla e a erosión posterior púxoas ao mesmo nivel, un feito que lle outorga unha gran singularidade.

Ao Oeste da falla afloran lousas e cuarcitas, materiais metamórficos, pero de orixe sedimentario, mentres que ao Leste áchase unha mestura de rochas metamórficas de procedencia sedimentaria -migmatitas- e magmáticas -granitos e pegmatitas-. Este último conxunto de rochas son as que aparecen na contorna deste miradoiro.

As migmatitas caracterízanse por ser materiais que se fundiron parcialmente hai uns 580 millóns de anos e mostran un bandeado moi característico de niveis claros e escuros.

Pola súa banda os granitos son rochas orixinadas a partir do arrefriado de magma no interior da Terra, a profundidades de entre 10 a 15 quilómetros.

E por último, as pegmatitas, son materiais emprazados en corpos lineais e estreitos que cortan a granitos e migmatitas, a súa formación está en relación con cambios químicos que afectan os granitos durante a súa cristalización.

Galicia caracterízase por ter a maior densidade de rías de todo o planeta

Un elemento emblemático da súa paisaxe e cun gran impacto económico no sector da pesca e o marisqueo. De forma xeral, as rías teñen unha orixe común, son depresións ou vales que foron asolagados polo mar, aínda que cada unha delas teñen as súas particularidades. No caso da de Viveiro formouse claramente pola presenza da falla. A súa xeomorfoloxía costeira é moi diferente dunha marxe a outra, na parte occidental o litoral ten pouco desnivel, pero con cantís moi verticais, mentres que na parte oriental a costa é máis accidentada, pero con escaso desenvolvemento de cantís.

 

Te recomendamos

Máis información: Miradoiro de San Roque

Outras propostas para a práctica do Xeoturismo na Mariña. Máis info aquí.