Visitas guiadas na Mariña - Verán 2025

 

Na Mariña Lucense, e con maior intensidade nos meses de verán, poderás atopar diversos programas de visitas guiadas ofrecidas tanto polos concellos, como por entidades asociativas e espazos culturais privados que configuran o destino. Son propostas que nos convidan a coñecer os centros históricos, contornas naturais e outros espazos de interese do territorio.

Coñece o noso patrimonio e namórate da Mariña!

Barreiros - "Barreiros queda en ti" (Xullo - Agosto)

Turismo de Barreiros organiza nestes meses, catro percorridos diferentes para explorar de forma gratuíta distintos atractivos da zona. Propostas como: 'Rutas xeolóxicas Litoral de Barreiros' que presentan a sorprendente xeodiversidade das praias do municipio, 'O día a día dun gandeiro. Granxa Mantoño Holstein' para coñecer de preto a importante labor dos gandeiros e o funcionamento dunha das mellores granxas de España, 'De flor en flor, a vida dunha colmea' un percorrido para aprender a valorar importancia das abellas para o noso ecosistema e o seu incesante traballo para producir distintos tipos de mel e 'O fráxil fogar do Chorlitejo Patinegro', pequeno itinerario que se desenvolve entre as praias de Anguieira e Altar, permitíndonos coñecer a biodiversidade dun sistema dunar e centrando a atención nunha ave moi especial.

Un programa co que se pretende mostrar a riqueza cultural e ambiental de Barreiros así como as formas de vida das as súas xentes.

Máis información: Barreiros Turismo

Ademais, da man da Asociación de Hostalería local organizouse un programa de rutas de sendeirismo interpretadas a catro recursos destacados do municipio como son as praias, o círculo lítico da Roda & Monte Comado, o río Masma e o Santo Estevo do Ermo.

Máis información: Facebook Hostelería de Barreiros ou no tlf. 634 631 461 (Rutas Galicia Norte).

  Burela - "Burela en ruta" (Xullo - Agosto - Setembro)

Este programa convídate a sumerxirte no patrimonio cultural e natural de Burela, nos oficios tradicionais do mar e no funcionamento dun dos portos máis importantes do Cantábrico. O abanico de propostas inclúe: visitas ao Barco Museo Bonitero Reina del Carmen; a Ruta do Peixe, con visita á lonxa; visitas a Conservas Faro de Burela; a proposta denominada "Máis alá do mar" para coñecer parte da zona rural de Burela así como a Igrexa da Vila do Medio con pinturas murais medievais, visitas tamén á "Moncloa" (Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns), a tres xa moi coñecidas Rutas Xeolóxicas (A Marosa, O Perdouro e O Cantiño) e, como novidade deste 2025, Roteiros Ornitolóxicos, ideais para descubrir a riqueza de aves mariñas e costeiras que habitan nesta zona do litoral.

Máis información: Concello de Burela 

 Foz - Basílica de San Martiño de Mondoñedo (visitas guiadas ata finais de setembro - resto do ano baixo demanda)

Esta Basílica está considerada a catedral máis antiga que se conserva en España. Arquitectónicamente enclávase dentro do románico lombardo catalán, un estilo pouco habitual no noroeste peninsular. No seu interior esconde auténticas xoias patrimoniais. Está aberta a visita libre e con visita guiada

Contacto para información e reservas: 982 132 607

Máis info sobre o monumento e horarios nesta ligazón.

Espazo Caritel

Este espazo, é a unión da obra artística do escultor Daniel Caxigueiro coa súa gran afición, un xardín botánico no que se atopan multitude de especies diferentes. Este verán ofrece visitas guiadas de mañá ás 11.45h e de tarde ás 17.30h.

Máis información: Facebook Espazo Caritel ou no tlf 982 13 26 94.

  Lourenzá - "Vistas ao Mosteiro de San Salvador" (do 1 de xullo ao 13 de outubro)

O mosteiro de Vilanova de Lourenzá está considerado unha das xoias do barroco galego. Neste ano 2024 estréase unha nova forma de visita a este destacado monumento. O percorrido será con audioguía e poderase realizar en castelán e inglés. Inclúe o acceso á igrexa, sacristia, relicario, capela da Valvanera e o sárcofago paleocristiano do Conde Santo. 
Non é necesaria reserva previa.

  Mondoñedo - Visitas á Catedral e á 'Cova do Rei Cintolo'

Catedral
A Catedral de Mondoñedo pode visitarse a través da Visita Cultural Audioguiada que inclúe o acceso ao templo, sancristía, claustro, sala capitular e parte do museo diocesano. Existen ademais dous percorridos exclusivos:

  • Visita "ALTIUS. Contemplando Mondoñedo desde a Paula" que, a través de visita guiada, entra nos salóns góticos do museo e sobe ata a terraza da fachada da catedral. 
  • Visita "Paseando polo Rosetón" percorrendo o novo museo situado nun lugar privilexiado denominado "os Salóns Góticos", que se conectan a través dun balcón polo que poderás cruzar xunto ao rosetón.

Más info, horarios, prezos e reservas.

Cova do Rei Cintolo
Durante case todo o ano organízanse visitas á galería central de esta cavidade natural considerada a máis grande de Galicia e unha xoia para practicar espeleoturismo. Ademais, recentemente habilitouse un novo percorrido xunto ao río exclusivamente dirixida a maiores de idade e con experiencia previa.


Máis info sobre a cova aquí.
Contacto directo e reservas en Oficina de Turismo de Mondoñedo: 982 507 177

Ourol - Ruta Indiana (3 e 4 de agosto)

O amplo e variado patrimonio indiando co que conta o Concello de Ourol deu lugar á Ruta Indiana de Ourol. Para promovela, o concello organiza os días 3 e 4 de agosto, visitas guiadas e teatralizadas en bus de época para coñecer parte deste singular legado.

As reservas habilitaranse do 18 ao 31 de xullo na seguinte web: Concello de Ourol

Máis información: 982 55 90 19 / 608 69 40 51

  A Pontenova - Visitas guiadas dentro do complexo histórico e recreativo das Minas Consuelo e Boulloso

Trátase dun conxunto etnográfico ao redor de a actividade mineira relacionada coa explotación do mineral de ferro durante o século XX. Grazas á exploración e posta en valor da mina Consuelo, esta converteuse nun espazo de referencia do xeoturismo e do espeleoturismo. Existen dúas rutas guiadaos con distintos niveis de complexidade: a de 'Os Fornos', de 4Km e con acceso ao nivel 0 da mina, e a de 'Os Fornos Plus', que incorpora o acceso ao nivel -1 da cavidade mineira con equipamento de espeleoloxía.

Ademais, desenvólvense diversas propostas turístico-deportivas en torno ao patrimonio mineiro do municipio, entre as que sobresae unha tirolesa de 300m que cobre o percorrido do antigo tranvía aéreo entre as dúas minas. Outras opcións son o alugueiro de canoas e de bicis ou cuadriciclos, así como a práctica do sendeirismo.

Máis información en: Tirolina das Minas

 
Ribadeo - Programa de visitas guiadas (Xullo - Agosto - Setembro) 
 
Descubre todas as caras da historia de Ribadeo a través das súas visitas guiadas: Ribadeo Ilustrado – con versión de visita tradicional ou teatralizada – polo casco histórico da vila arredor da súa época de maior auxe económico. Ademais, haberá visitas ao Ribadeo Indiano – tamén con versión tradicional ou teatralizada – para vivir de preto a pegada da emigración ao outro lado do mar, así como un paseo cultural polo legado indiano de Ribadeo o 12 de xullo ás 12:00h, e o día 13 ás 17:00h haberá outro polo legado indiano de Vilaframil, Rinlo e A Devesa, comentado polo estimado ribadense D. Xosé María Alonso e Trelles, "O Vello Pancho".
Tamén podes sorprenderte cos segredos agochados da costa cantábrica a través das catro rutas xeolóxicas que nos propón Turismo de Ribadeo ata setembro: as Xeorutas dos Arcos, da Ría, dos Pregues e dos Ollos. Ademais, haberá visitas guiadas por un xeólogo ao monumento natural Praia das Catedrais, baixo o nome de "Mareas Vivas nas Catedrais".

Son visitas gratuítas con reserva previa.

Máis información: Ribadeo Turismo

- Programa SetembroXNatural (setembro):

Organizado pola área de turismo do Concello de Ribadeo, SetembroXNatural, é un programa de actividades relacionadas co medio ambiente dirixidas a un público familiar e inclúen desde concertos a visitas guiadas, pasando por danza, circo e conferencias.

  • Baños de Mar lembrará a figura das canouras, pioneiras do noso turismo, a través de conferencias e visitas guiadas sobre o poder curativo das augas e o uso que delas se facía na nosa vila. Complementarán estas xornadas diversos actos lúdicos e musicais e, como non, baños de mar colectivos.
  • Froitos do Mar levaranos a Rinlo, onde se ofrecerá unha visita guiada polo seu litoral desde a confraría ata as cetareas destacando o mérito do pobo de Rinlo, desde as súas orixes como porto baleeiro ata a actualidade.

Son visitas gratuítas con reserva previa.

Más información: Ribadeo Turismo

Trabada (programación regular)

Desde o Concello de Trabada en colaboración coa asociación local 'Trabada Paso a paso', organizan regularmente Roteiros de sendeirismo para percorrer diversos espazos singulares do municipio. Trátase de actividades de lecer nas que os participantes poden gozar dunha distendida xornada.

14 de xullo: Ruta da Fraga de Vilapena | 22 de setembro: Ruta do Vento | 13 de outubro: Ruta do Monte Roxal Teixido | 10 de novembro: Ruta da Fraga da Becerreira

Prazas limitadas. Inscribirse chamando ao concello: 982 135 011

Animámoste a seguir as diferentes propostas a través das redes sociais 'Turismo Trabada' en Facebook ou Instagram.

 O Vicedo - Roteiros guiados 2025 (xullo e agosto)

As Laxes, un balcón sobre A Coelleira”, Está dirixida a quen busque paisaxes espectaculares e emoción fronte ao mar. O itinerario inclúe tamén unha sección dedicada aos “Misterios e lendas de Santo Estevo do Val” *, con relatos populares que enriquecerán a experiencia. Celebrarase o sábado 12 de xullo e repetirase o sábado 16 de agosto.

A segunda ruta, “Os Moutillós, las huellas de los normandos”, convida a explorar un antigo xacemento arqueolóxico na praia de Area Grande, onde historia e mar se entrelazan. Esta actividade ofrece unha visión diferente do pasado medieval da zona, con datas previstas para os mércores 23 de xullo e 20 de agosto.

“Río Sor, remansos de paz e biodiversidade”, unha ruta dedicada á contorna fluvial do municipio e á súa riqueza ecolóxica, incluíndo ademais unha reflexión sobre os retos ambientais actuais. Esta opción terá lugar os mércores 30 de xullo e 27 de agosto.

Todas as rutas están organizadas por Rutas Galicia Norte, que garante unha experiencia segura e de calidade. Para obter máis información ou reservar praza, as persoas interesadas poden escribir ao correo rutasgalicianorte@gmail.com. Tamén están dispoñibles as descricións completas e novidades a través do código QR nos carteis oficiais e nas redes sociais de Rutas Galicia Norte.

IGREXA SANTO ESTEVO DO VAL:

A Igrexa, nº 5, O Vicedo.

Visitas guiadas: todos os xoves de 20:00 a 22:00 a cargo da Asociación Cultural Orde Templaria (627 750 045). Gratis.  Misas: Domingos e festivos ás 12:00h. Só verán.

Información e reservas en:  Tel: 634 631 461 | rutasgalicianorte@gmail.com

 Xove - Roteiros guiados 2024 (xullo e agosto)

As actividades, organizadas pola Concellería de Turismo de Xove, serán realizadas de man de "Rutas Galicia Norte" e teñen como obxectivo mostrar distintos lugares de interese e interpretar o patrimonio cultural, a natureza e a paisaxe do municipio. Así, existen catro propostas ao redor dos seguintes espazos: a praia de Esteiro, San Tirso de Portocelo, os Cantís de Papel e os muíños da Rigueira.

Información e reservas en:  Tel: 634 631 461 | rutasgalicianorte@gmail.com

Para visualizar o cartel pulse aquí: Oficina de Turismo de Xove

 

Ademais destas visitas, en A Mariña poderás atopar propostas de actividades guiadas organizadas por distintos Guías Oficiais de Turismo que traballan habitualmente no territorio:

 

Con programación regular:

  •  Guía tu día (Ana Pena)

Tel.: 654 996 857 | guiatudia@gmail.com | Facebook | Instagram

  • La Guiateca (Carmen Delia Díaz)

 Durante los meses de julio y agosto cuenta con programación de visitas guiadas a la villa de Ribadeo con dos formatos: visita guiada tradicional y visita guiada con degustación.

Máis información nesta ligazón. Tel.: 667469 357 | Instagram

  • Rutas Galicia Norte (Boris Vilar)

Tel: 634 631 461 | rutasgalicianorte@gmail.com | Facebook | Instagram

 

Baixo demanda: 

  • Camiños con arte (Lidia de la Fuente)

Tel.: 680 642 925  | info@caminosconarte.com | Web | Facebook | Instagram

  • Naomi Álvarez

Visitas en Ribadeo.  Tel.: 657 549 604

  • Sra. Mariña Servizos Turísticos (Noela Feal)

Tel.: 636 737 608 | FacebookInstagram

  • Suso Martínez

Facebook | Instagram

 


A Mariña. Galicia de corazón