Visitas guiadas na Mariña - Verán 2026

 

Si visitas A Mariña Lucense este verán, poderás atopar unha ampla variedade de plans e programas de visitas guiadas ofrecidos por concellos, entidades asociativas e espazos culturais privados que forman parte do destino. Son propostas que convidan a coñecer os centros históricos, as contornas naturais e outros espazos de interese do territorio.

Coñece o noso patrimonio e namórate da Mariña!

Barreiros

"Barreiros queda en ti" (Xullo - Agosto)

Durante xullo e agosto, Turismo de Barreiros impulsa, un ano máis, o programa de visitas guiadas Barreiros queda en ti, que vai pola súa sexta edición e co que todas as persoas interesadas poderán descubrir o seu patrimonio, paisaxe e cultura.

A través de diferentes propostas, distribuídas en distintas datas e localizacións, as persoas participantes poderán descubrir a riqueza e singularidade do territorio. O abano de propostas inclúe: A vida aos pés do Mar Pequeno, unha das rutas deste programa coa que poderemos coñecer a ría desde outra perspectiva; O día a día dun gandeiro, que nos permite coñecer de preto o «saber facer» da xente do rural e na que se poderá visitar a Gandería Cid e/ou a Gandería Mantoño Holstein; as Rutas Xeolóxicas "Litoral de Barreiros", que percorren a costa desde Remior ata San Bartolo e desde Fontenla-Valea á Pasada; e San Miguel de Reinante, pasado moi presente, que propón un paseo polo San Miguel urbano e rural a través de diferentes vestixios arquitectónicos.

Máis información: Barreiros Turismo

  Burela

"Burela en ruta" (Xullo - Agosto - Setembro)

Este programa convídache a mergullarte no patrimonio cultural e natural de Burela, nos oficios tradicionais do mar e no funcionamento dun dos portos máis importantes do Cantábrico. O abano de propostas inclúe: visitas ao Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen; a Ruta do Peixe, con visitas á lonxa; visitas a Conservas Faro de Burela; a proposta denominada Máis alá do mar para coñecer parte da zona rural de Burela, así como a Igrexa Vila do Medio, con pinturas murais medievais; e visitas tamén á Moncloa (Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns).

Por outra banda, están as Xeorrutas, tres xa moi coñecidas das súas Rutas Xeolóxicas (A Marosa, O Perdouro e O Cantiño), nas que visitarás a ampla variedade de rochas, pregamentos e fallas excepcionais. Tamén poderás gozar das Rutas Ornitolóxicas, ideais para descubrir a riqueza de aves mariñas e costeiras que habitan nesta zona do litoral.

Máis información: Concello de Burela 

  Lourenzá

Visitas ao Mosteiro de San Salvador (xullo - setembro 2026)

O mosteiro de Vilanova de Lourenzá está considerado unha das xoias do barroco galego (séc. XVII–XVIII), destacado pola súa fachada deseñada por Fernando de Casas Novoa, quen posteriormente traballou na fachada da Catedral de Santiago. Entre as súas estancias visitables inclúense o acceso á igrexa, a sancristía e o seu extraordinario relicario, a capela da Valvanera e o lendario sarcófago paleocristián do Conde Santo. 
 
Visitas guiadas de luns a sábado ás 12:00 h. É necesaria reserva previa no 982 121 006.

  Mondoñedo

Catedral
A Catedral de Mondoñedo pode visitarse a través da Visita Cultural Audioguiada que inclúe o acceso ao templo, sancristía, claustro, sala capitular e parte do museo diocesano. Existen ademais dous percorridos exclusivos:

  • Visita "ALTIUS. Contemplando Mondoñedo desde a Paula" que, a través de visita guiada, entra nos salóns góticos do museo e sobe ata a terraza da fachada da catedral. 
  • Visita "Paseando polo Rosetón" percorrendo o novo museo situado nun lugar privilexiado denominado "os Salóns Góticos", que se conectan a través dun balcón polo que poderás cruzar xunto ao rosetón.

Más info, horarios, prezos e reservas.

Cova do Rei Cintolo
Durante case todo o ano organízanse visitas á galería central de esta cavidade natural considerada a máis grande de Galicia e unha xoia para practicar espeleoturismo. Ademais, recentemente habilitouse un novo percorrido xunto ao río exclusivamente dirixida a maiores de idade e con experiencia previa.

Máis info sobre a cova aquí. Contacto directo e reservas en Oficina de Turismo de Mondoñedo: 982 507 177

Ourol

Ruta Indiana (1 e 2 de agosto)

O amplo e variado patrimonio indiano co que conta o concello de Ourol deu lugar á  Ruta Indiana de Ourol. Para promovela, o concello organiza os días 1 e 2 de agosto deste 2026, visitas guiadas en bus de época para coñecer parte deste singular legado.

Inscricións a partir do 20 de xullo na web do Concello de Ourol.

Máis información: 982 55 90 19 / 608 69 40 51 (horario de 09:00 h a 14:00 h, de luns a venres).

  A Pontenova

Visitas guiadas dentro do complexo histórico e recreativo das Minas Consuelo e Boulloso

Trátase dun conxunto etnográfico arredor da actividade mineira relacionada coa explotación do mineral de ferro durante o século XX. Grazas á exploración e posta en valor da mina Consuelo, esta converteuse nun espazo de referencia do xeo e espeleoturismo. Existen dúas rutas guiadas con distintos niveis de complexidade: a de Os Fornos, de 4 km e con acceso ao nivel 0 da mina, e a de Os Fornos Plus, que incorpora o acceso ao nivel -1 da cavidade mineira con equipamento de espeleoloxía.

Ademais, desenvólvense diversas propostas turístico-deportivas arredor do patrimonio mineiro do municipio, entre as que sobresae unha tirolina de 300 m que cobre o percorrido do antigo tranvía aéreo entre as dúas minas. Outras opcións son o alugueiro de bicicletas para percorrer a Vía Verde do Eo (Ruta do Ferrocarril), así como a práctica do senderismo.

Máis información en: Tirolina das Minas

 
Ribadeo
 
Programa de visitas guiadas (Xullo - Agosto 2026) 
 
Descubre todas as caras da historia de Ribadeo a través do amplo programa de visitas guiadas organizado pola Área de Turismo do Concello: Ribadeo Ilustrado, un percorrido polo casco histórico da vila arredor da súa época de maior auxe económico, o século da Ilustración; un paseo polo Ribadeo Antigo para realizar unha "viaxe" polos segredos, lendas e lembranzas que deron forma á vila. Tamén haberá visitas regulares ao Ribadeo Indiano para vivir de preto a pegada da emigración a ultramar e, de xeito especial, os días 11 e 12 de xullo con motivo do evento de recreación histórica tamén denominado Ribadeo Indiano. Paseo Guiado: la Galicia americana é outra das alternativas para descubrir a pegada na arquitectura, na memoria e no retorno entre xardíns e avenidas. Igualmente, a Área de Turismo de Ribadeo convídache a descubrir o Forte de San Damián, un monumento de destacado valor artístico e patrimonial.

Trabada (programación regular)

Desde o Concello de Trabada en colaboración coa asociación local 'Trabada Paso a paso', organizan regularmente Roteiros de sendeirismo para percorrer diversos espazos singulares do municipio. Trátase de actividades de lecer nas que os participantes poden gozar dunha distendida xornada.

Prazas limitadas. Información e reservas no concello: 982 135 011

Animámoste a seguir as diferentes propostas a través das redes sociais 'Turismo Trabada' en Facebook ou Instagram.

 O Vicedo

Roteiros guiados 2026 (xullo e agosto)

"Mércores de verán" Programa de rutas estivais para amosar a beleza natural da contorna, ben a bordo de kaiaks ou con pequenas rutas guiadas que este ano se organizan os mércores, en colaboración con Rutas Galicia Norte.

O vindeiro mércores, 15 de xullo, está prevista unha subida polo río Sor en kaiaks. A saída realizarase desde o porto do Vicedo. Duración: 2 horas. Inscricións: 982 59 01 95.

Este verán chega unha nova edición das rutas guiadas polo Vicedo. Serán un total de 6 rutas (3 en xullo e 3 en agosto) que amosan zonas de interese do municipio desde diferentes puntos de vista: natural, histórico, xeolóxico...

Son roteiros gratuítos guiadas por un guía oficial, pero requiren inscrición previa.

Máis información dos roteiros e reservas aquí: rutasgalicianorte@gmail.com ou no 634 63 14 61.

 Xove

Xove ofrece un senfín de posibilidades, adaptadas a cada persoa usuaria, para gozar da súa rica natureza, paisaxe e patrimonio cultural. Para este verán existen catro propostas arredor dos seguintes espazos: a Ruta dos Muíños da Rigueira (16 de xullo), centrada na etnografía e nas crenzas populares do río; a visita aos Cantís de papel (30 de xullo), un paseo pola costa con relatos sobre a caza da balea e o mítico ansarón; a visita ao enclave arqueolóxico de San Tirso de Portocelo (7 de agosto), cheo de curiosidades visuais na zona da Roncadoira; e, por último, unha ruta polo esteiro de Xove (21 de agosto), para coñecer a singularidade xeolóxica entre Muiñelo e Punta da Mansa.

Todas as rutas son totalmente gratuítas, comezarán ás 10.00 h, terán unha duración aproximada de 3 horas e un nivel de dificultade baixo ou medio.

Información e reservas en: rutasgalicianorte@gmail.com

Cervo

En Cervo, de luns a sábado e de 11:00 a 14:00 h, podemos visitar o Museo de Sargadelos, que percorre a historia da fábrica de cerámica nas súas diferentes etapas, a evolución dos deseños e a contribución á posta en valor da cultura de Galicia. Tamén se poden apreciar obras de grandes artistas como Luis Seoane ou Díaz Pardo e mostras de olería tradicional galega.

Esta visita pódese completar con outra á fábrica de Sargadelos, unha interesante historia que se remonta a principios do século XIX. Hai posibilidade de realizar visitas guiadas durante xullo e agosto, de luns a venres, de 11:00 h a 12:00 h, previa solicitude (con varios días de antelación) no 982 55 78 41.

Ademáis, de luns a venres ás 12h, pódese realizar unha visita guiada ao Museo Histórico de Sargadelos e ao complexo histórico-artístico das Reais Fábricas de Sargadelos. Unha oportunidad única.

 

Ademais destas visitas, en A Mariña poderás atopar propostas de actividades guiadas organizadas por distintos Guías Oficiais de Turismo que traballan habitualmente no territorio:

 

Con programación regular:

  •  Guía tu día (Ana Pena)

Tel.: 654 996 857 | guiatudia@gmail.com | Facebook | Instagram

Esta guía oficial de turismo conta coa distinción SICTED que acredita o seu compromiso coa calidade turística e coa mellora do destino.

  • La Guiateca (Carmen Delia Díaz)

 Durante os meses de xullo e agosto conta con programación de visitas guiadas á vila de Ribadeo con dous formatos: visita guiada tradicional e visita guiada con degustación.

Máis información nesta ligazón. Tel.: 667469 357 | Instagram

Esta guía oficial de turismo conta coa distinción SICTED que acredita o seu compromiso coa calidade turística e coa mellora do destino.

  • Rutas Galicia Norte (Boris Vilar)

rutasgalicianorte@gmail.com | Facebook | Instagram

Esta guía oficial de turismo conta coa distinción SICTED que acredita o seu compromiso coa calidade turística e coa mellora do destino.

 

Baixo demanda: 

  • Camiños con arte (Lidia de la Fuente)

Tel.: 680 642 925  | info@caminosconarte.com | Web | Facebook | Instagram

  • Naomi Álvarez

Visitas en Ribadeo.  Tel.: 657 549 604

  • Sra. María Servizos Turísticos (Noela Feal)

Tel.: 636 737 608 | FacebookInstagram

Esta guía oficial de turismo conta coa distinción SICTED que acredita o seu compromiso coa calidade turística e coa mellora do destino.

  • Guido Guía

Instagram | Facebook |Web

  • Suso Martínez

Facebook | Instagram

 


A Mariña. Galicia de corazón