Cova do Rei Cintolo
É a gran marabilla natural de Mondoñedo e a cova máis grande de Galicia.
A orixe deste tipo de covas é o afloramento dunha estreita franxa de rochas calcarias do Cámbrico Inferior (hai uns 530 millóns de anos), que se espalla polas provincias de Lugo e Ourense. A auga é a protagonista da súa formación, xa que en sucesivos episodios de disolución da rocha e precipitación despois, conforma esta paisaxe denominada kárstico: galerías, coadas, gours, estalactitas, estalagmitas...todo un mundo nas fonduras.
A Cova do Rei Cintolo ten unha estrutura labiríntica de 7000 metros de galerías. O terreo de lousa co afloramento calcario confírenlle moita entidade xeolóxica. O desnivel máximo ronda os 75 metros, con augas interiores que forman varias lagoas e unha corrente soterrada, o río Celtas, na cota inferior.
Este emprazamento está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio como xacemento de tipo Paleolítico e, polo tanto, vencellado ás primeiras etapas do ser humano na Terra
Desde antigo, a cova foi obxecto de numerosos estudos arqueolóxicos. Descuberta para o mundo científico por José Villaamil y Castro,será el quen, no 1873 en "Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia", publique o primeiro plano do Rei Cintolo. Posteriormente, entre o 1946 e o 2003, en varios estudos atopáronse un puñal medieval, unha punta de frecha tallada en sílex, restos humanos do Paleolítico Superior - datados de hai uns 30 a 40.000 mil anos-, restos de ocupacións no pórtico de entrada da época medieval e un fogar na galería.
Distintos morcegos, coma o grande de ferradura e o rateiro grande, e invertebrados acuáticos, como Iberobathynella ortizi (un crustáceo diminuto), atopan na cova o seu mellor hábitat.
Esta paraxe conta con distintas lendas, como a que lle dá o nome. Dise que o Rei Cintolo, dono e señor de todo o val de Brea, tiña unha fermosa filla chamada Xila, que estaba namorada dun conde. Mais un feiticeiro, celoso, sepultou o reino de Cintolo no interior da terra. Segundo a lenda, a princesa aínda agarda por un cabaleiro valente que desfaga o feitizo.
A cova está pechada ao acceso libre e atópase no seu estado natural. Pode solicitarse unha visita guiada.
É imprescindible reservar no 982 50 71 77
Prezo das visitas á Galería Central: 20€ persoa / Prezo das visitas ao río: 40€ persoa.
Idade mínima 11 anos e formación física normal.