Ponte do Pasatempo

 
Otro patrimonio histórico

De orixe medieval, esta ponte ten un só arco de medio punto de 7 metros de luz e a calzada alombada. Está construída con cachotería de lousa e rematada con perpiaño de granito. Comunica as dúas beiras do río Valiñadares, sito no barrio de Os Muíños (Mondoñedo). Formaba parte dun Camiño Real e é vía de tránsito cara a cidade desde moi antigo. O seu estado actual é froito dunha restauración de finais do s.XVIII.

É o protagonista do episodio máis famoso da historia antiga de Mondoñedo: a decapitación do Mariscal Pardo de Cela na Praza da Catedral.

 A figura do mariscal é unha das máis míticas da Historia de Galicia, símbolo da resistencia da nobreza galega fronte á castelá. Foi acusado de traizón y apresado no seu castelo de A Frouxeira, traizoado polos seus criados. A súa muller  Isabel de Castro obtivo para el o indulto real de Isabel A Católica. Mais os Coengos da Catedral detivérona e a entretiveron na ponte o tempo preciso para que o indulto non chegase a tempo ao seu destino; Pardo de Cela  foi executado na Praza da Catedral no 1483. Dende aquela, esta ponte é coñecida  como "Ponte do Pasatempo".

Cóntase que mentres a cabeza do mariscal caía a rolos polas escaleiras do cadafalso,  os seus beizos aínda pronunciaban as palabras "credo, credo, credo".

A dura loita durante tres anos na fortaleza de A Frouxeira, a traizón dos seus criados e a súa morte no cadafalso, convérteno axiña en mito, e empeza a ser trovado nas feiras e mercados, formando parte da tradición oral posterior. Tamén se recolle a súa figura en varios  textos  - estudados por autores como Álvarez Blázquez ou máis recentemente  Antonio Meilán - como o Romance de Pardo de Cela, o Cantar do Mariscal ou as diferentes versións da Relación da Carta Executoria.