Sinte as contornas naturais protexidas da Mariña Lucense

 

Grazas á variedade, riqueza e importancia das paisaxes que conforman A Mariña Lucense, contamos con moitos espazos protexidos nos que gozar da natureza. Somos un paraíso entre montaña e mar, no que as formas xeolóxicas contribúen tamén a crear un enclave único.

Descobre estes lugares da Galicia Verde que penetra no Cantábrico. Costa, montañas, vales e ríos, un conxunto de paraxes naturais de beleza extraordinaria que debemos preservar.

Lugares de Importancia Comunitaria Rede Natura 2000

A provincia de Lugo conta coa maior superficie de Galicia de Zonas de Especial Conservación. Na Mariña atopamos espazos adscritos a esta declaración por mor da riqueza dos seus hábitats naturais de interese comunitario, que forman auténticas reservas de flora e fauna.

Entre os lugares que podemos citar, atópase o Monte Maior entre Viveiro e Xove, un espazo natural que se caracteriza pola súa riqueza xeolóxica e frondosos bosques que nos deparan paraxes de ilusión como O Pozo da Ferida. De gran valor ambiental, atopamos así mesmo a Serra do Xistral, un macizo cuxas ladeiras están poboadas de brezais húmidos e turbeiras e onde podemos visitar verdadeiras reliquias naturais e etnográficas como a fervenza do Escouridal, a capela de Santa Filomena do Cadramón ou a Pena Abaladoira de Alfoz.

Carballido, a costa da Mariña Occidental, a Ría de Foz-Masma e os Río Eo, Landro Ouro tamén forman parte da Rede Natura 2000.

Monumentos Naturais

O monumento natural por excelencia da Mariña é para case todos os nosos visitantes a praia de Augas Santas ou praia de As Catedrais, considerado como un dos mellores areais do mundo. Situada no municipio de Ribadeo, ofrece unha das paisaxes con maior beleza da Mariña Lucense, onde os cantís e as formacións rochosas transfórmanse en máxicas covas e arcos. Debido á súa biodiversidade de fauna e flora, ademais de estar integrada na Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación, forma parte da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de  Burón.

Tamén destacan como monumentos naturais o denominado Souto da Retorta en Viveiro, que acolle os maiores eucaliptos de Europa.

Reservas da Biosfera

Costa, montañas, vales e ríos ofrecen na Mariña Lucense un hábitat de gran diversidade que destaca polo seu excelente estado de conservación. Ecosistemas singulares conviven coa contorna e a poboación local, que, marcada por eles, veu baseando tradicionalmente a súa economía e a súa forma de vida en actividades tradicionais como a pesca, o marisqueo e a artesanía.

As Reservas da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de  Burón (Ribadeo, Trabada e A Pontenova) e Terras  do Miño (Mondoñedo, Ourol e O Valadouro), converten este territorio en máxico por natureza.

Zonas Húmidas RAMSAR

A ría de Ribadeo ou ría do Eo da vida a hábitats naturais que lle confiren unha gran importancia ambiental.

Falamos dun conxunto de flora e fauna moi valioso e diverso, que se converte nun observatorio ornitolóxico espectacular. Os visitantes, ademais de gozar da paisaxe natural, atopan nela o lugar perfecto para a práctica de deportes náuticos.

Zonas especiais de protección de aves

Na Mariña atópanse múltiples áreas naturais de especial relevancia para a conservación dunha gran cantidade de especies de aves que conforman a súa fauna e que se atopan ameazadas pola extinción, como a costa da Mariña Occidental e as rías de Foz e de Ribadeo.

O ánade rabudo, o silbón europeo, o  porrón moñudo e común, a garza real, o  alcatraz atlántico… Cantos serás capaz de avistar?

Outros espazos naturais

Hai outros lugares que forman parte da paisaxe da Mariña Lucense que, aínda que non posúan unha figura de protección oficial, non podemos deixar de mencionar

É o caso da cova do Rei Cintolo (Mondoñedo) é a máis grande de Galicia. As estalagmitas, coadas e columnas do seu interior caracterizan esta cavidade máxica, que dá conta da historia da comunidade a través dos materiais que a constitúen e tamén grazas a singulares lendas populares.

Descobre o gran pulmón natural da Mariña Lucense, o balcón verde ao Atlántico onde todo tipo de especies conviven en harmonía nas fermosas paisaxes do norte de Lugo.