Calexón do Muro
Considerada como unha das rúas máis angostas de España, este estreito pasadizo, de pouco máis de metro e medio de ancho, formaba parte do adarve da antiga muralla que daba acceso á cidade medieval amurallada de Viveiro.
En tempos pasados a muralla medieval de Viveiro sufriu moitísimas transformacións e derrubamentos, debido ao crecemento da cidade, ás guerras e loitas históricas. Este estreito rueiro, formaba parte do adarve, ou paseo de rolda, un corredor estreito situado sobre a muralla, protexido ao exterior por un parapeto ameado, que permitía tanto facer a rolda aos sentinelas, como a distribución de defensores.
As funcións das murallas medievais eran diversas: protección fronte aos inimigos, pero tamén fronte ás epidemias non permitindo traspasar as portas aos infectados.
Con todo, a función máis importante das murallas era a de protexer o tránsito de mercadorías, base da fiscalidade da cidade: os seus produtos básicos da economía como o peixe, alimentos básicos, viño e outros suministros debían suxeitarse a uns itinerarios inamovibles.