Dolmen de San Tomé

 
Otro patrimonio histórico

A palabra "dolmen", provén do bretón e significa “mesa grande de pedra”. Coñécese tamén como mámoa do Curro, do Chan de Padorno ou Caselo do Couso. É un monumento funerario megalítico, auténtica xoia do noso patrimonio arqueolóxico do Neolítico e Calcolítico

Trátase dunha mámoa ou anta con forma rectangular e cunhas medidas de 2,30 m. x 1 m. x 1,50 metros. Está formada por catro pedras verticais ou esteos, que lle dan forma a cámara, tapadas cunha laxe cobertoira que forma unha pequena elevación artificial do terreo. Tamén ten un corredor orientado ao  leste, que coincide coa alborada no inverno. Este corredor conecta coa cámara interior, no espazo onde se depositaban os cadáveres coas súas pertenenzas. Nela atopáronse anacos de olaría lisa e lascas de seixo.

O  dolmen de Santo Tomé data do Neolítico e Calcolítico (4.000 - 2.000 a. C., aproximadamente), cando os primeiros galegos comezaban a ser gandeiros e a traballar a  terra. 

Nestes monumentos megalíticos realizábanse enterramentos para honrar aos defuntos e reafirmarse como grupo social.

Na contorna pódense observar importantes moreas de terra e pedras, que é posible que procedan da codia pétrea que protexía o dolmen.

No interior do dolmen poderemos observar outra xoia, esta vez botánica, un brión bioluminescente chamado  popularmente ouro de trasno, adaptado a vivir en lugares escuros.

Darredor destes monumentos existen muchas lendas, historias e contos. Din os veciños da zona que " En Santomé os mouros tiñan un encanto e un escano de pedra”, facendo referencia aos feitizos e á presenza en  lugares emblemáticos de seres máxicos denominados "mouros", guardiáns de tesouros enfeitizados.