Casas Indianas de Ourol

 
Otro patrimonio histórico

Os galegos que retornaron á súa terra tras facer fortuna na América deixaron un patrimonio artístico que en parte se conserva nas edificacións que mostran os cánones arquitectónicos da época a través desas casas, chamadas habaneras. Todos eles son elementos propios dunha arquitectura ecléctica e ostentosa que, gardando as formas e a simetría, puxeron de moda os que fixeron “as Américas”, ao contrario dos chamados “indianos de alpargata” que sufriron o infortunio da emigración, pero sen acadar fortuna no novo continente.

Moitos destes emigrados que tiveron fortuna na emigración foron benfeitores nos seu lugares de orixe, realizando importantes doazóns para axudar a mellorar a vida dos seus veciños.

De volta á súa terra practicaron unha competición non coñecida ata entón no seu humilde entorno rural: plasmar nas vivendas toda a riqueza da que facían gala, tratando sempre de que a súa casa fose a máis bela e rechamante.

Fachadas monumentais, verxas ornamentadas, galerías, patios, balconadas, portadas, capelas privadas, xardíns exuberantes con especies vexetais exóticas, grandes piares, exquisitos detalles, artesanías esplendorosas, laboriosos traballos de canteiría, alfices, pilastras, recercados, escaleiras voluminosas, miradoiros, cúpulas…

Ourol conta aproximadamente cunha ducia destes expoñentes ben conservados, que foron construídos entre os séculos XIX e XX. Están situados a maior parte deles a ambos lados da estrada C-640 de Viveiro a Betanzos nas parroquias de Ourol, Xerdiz, Miñotos, Vilares e Merille.

Esta tipoloxía arquitectónica dos indianos salpica a paisaxe de toda Galicia, en especial da comarca da Mariña de Lugo.

Destaca tamén o seu singular cemiterio Indiano que é un dos máis fermosos e dos máis singulares da Mariña. Foi construído no ano 1908 grazas ás achegas dos propios veciños e doutros emigrados en Cuba. Conta con varios panteóns e túmulos construídos entre 1908 e 1920 en pedra coas súas columnas moi traballadas e coroadas con cruces, santos, esculturas e outros motivos relixiosos.