PR-G 85 Ruta da Fraga de Vilapena
Rodea e atravesa a Fraga de Vilapena, caracterizada pola súa gran diversidade de árbores: carballos, xardóns, abeleiras, bidueiros destacando un tramo do percorrido onde atopamos algúns érbedos. O percorrido descubriranos a aldea e núcleo rural de Vilapena e os seus cultivos e aproveitamentos gandeiros e tamén as grandes paisaxes naturais.
A ruta está homologada pola Federación Galega de Montañismo como a PR-G 85, coa sinalización adecuada.
Paisaxe natural e humana
Comezamos no núcleo rural de Vilapena, onde podemos visitar a igrexa na que destaca o seu fermoso retablo barroco. No alto de Pena Gorda o camiñante poderá gozar de amplas vistas panorámicas cara os vales de Vilaformán e Vilapena.
Dende este alto pódese desfrutar dunha paisaxe típica das montañas próximas á Mariña Lucense. Continuando adentarémonos nun novo ecosistema de bosque autóctono, onde o rei indiscutible é o carballo. Poderemos observar tamén unha carboeira, oco na terra onde se elaboraba carbón vexetal. O proceso consistia en facer un burato, meter a madeira, tapalo con terra e iniciar a combustión controlada e amodiño, ata que a madeira queda convertida en carbón. Logo atoparémonos cunha pequena fervenza nun regacho afluente do Vilaformán.
O remate do percorrido, encamiñámonos cara a ribeira do regueiro de Vilaformán coñecido noutrora pola súa fama troiteira e que seguramente deu moitas satisfaccións aos pescadores da zona. Este regueiro nolo cruzaremos en varios lugares ao longo do percorrido.
Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.