PR-G 82 Ruta Monte Roxal - Teixido

 
Sendeirismo

Este itinerario circular discorre por medio de pistas de terra e camiños, por lugares onde os aproveitamentos humanos determinan os usos diversos do solo e o territorio. O sendeiro descóbrenos grandes panorámicas e paisaxes,  bosques de ribeira de carácter moi natural e tamén hábitats relacionados coa intervención humana como as plantacións forestais, cultivos e prados que conteñen diversos valores interesantes.

Esta ruta está homologada pola Federación Galega de Montañismo, como Pequeno Percorrido Galego, PR-G 82.

CP 55-06 a 3 km de Trabada
CP 55-06
8 Km
3 h 30 min
Ruta circular
Desnivel
300 m.
Dificultade
Global
Media

Os regos de Vilapercide e Navais ofrecen moitos recursos

Á ruta accédese baixando por un camiño que discorre por un piñeiral ata chegar ao río de Vilapercide, onde comezamos a descubrir o bosque de ribeira. No último tramo da ruta tamén poderemos descubrir as súas sorpresas naturais na fraga de Teixido e Roxal.

No camiño atoparemos varias pontes ou pasarelas de madeira que comunican as dúas beiras do río, presididas en distintos tramos por unhas árbores de gran porte, os ameneiros.  Acompañándoos atoparemos tamén formando parte destes bosques de ribeira outras árbores como o freixo e a abeleira.

Este bosque fresco e húmido onde ademais das árbores adaptadas ao río, crecen outras plantas, conforman un corredor verde cheo de vida que nos ofrece benestar e calidade de vida xa que nos proporciona moitos recursos básicos como auga, aire limpo, espazos para gozar da natureza, plantas medicinais, froitos.....

Os bosques de ribeira cumpren un papel ecolóxico fundamental na conservación dos ríos, pois regula a temperatura das augas, especialmente no verán, suxeita as marxes, impedindo o arrastre nas crecidas, e actúa como filtro verde purificando as augas que se incorporan ás correntes. Ademais ofrece refuxio e alimento a unha diversa fauna da ribeira, ofrécennos distintos aproveitamentos e forman un corredor natural que facilita a dispersión das especies.

Os animais dos ríos adáptanse a un medio en movemento

Durante o camiño poderemos gozar pequenas fervenzas dos ríos Vilapercide e Navas. Á súa corrente téñense que adaptar tanto as plantas como os animais. A diversidade de invertebrados acuáticos que viven no río é enorme e moitas veces descoñocida. Tamén poderemos descubrir moitas postas de ovos de diversos anfibios como ras, pintafontes, píntegas. Entre as aves con sorte poderemos ver á lavandeira real co seu movemento incesante nas beiras e pedras do río ou ao merlo rieiro mergullándose no río, en busca dos invertebrados (larvas de efémeras, libélulas...) que constitúen o seu alimento. A boa calidade das augas dun río é fundamental para contar coa presenza do merlo, pois se trata dunha ave moi sensible á contaminación dos leitos.

A paisaxe debuxa un territorio humanizado

A ruta continúa até Liñeiras onde atravesa a estrada e vai descendendo cara á fraga de Teixido e Roxal. Neste percorrido poderemos observar algunhas panorámicas sobre o val de Lourenzá formado polos ríos Batán e Baos, rodeado polas estribaciones montañosas da Serra da Cadeira, o Cordal de Neda e a Serra de Lourenzá. O territorio que se divisa está formado por vales e montañas con agrosistemas combinados de plantacións forestais, cultivos, bosques e matogueira.

A superficie do bosque autóctono en Galicia reduciuse ao longo do tempo. Neste itinerario vemos unha pequena mostra da vexetación potencial de Galicia e da estrutura de uso do territorio. Hoxe en día o bosque autóctono ocupa menos dun 20% da superficie arboredo de Galicia, que estaba cuberta por unha vexetación formada principalmente por bosques de carballos acompañados doutras especies autóctonas. As fragas de carballos da contorna da ruta foron substituíndose por pradarías para o pastoreo extensivo e intensivo do gando, ou para cultivos agrícolas, nunha pequena proporción. Na actualidade unha parte importante do territorio está plantada con especies de crecemento rápido, como os piñeiros e os eucaliptos dedicados a industria madeireira e papeleira.

Desde este punto no cume, vólvese ao momento de inicio na estrada seguindo a sinalización.

Lectura da ruta

Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.