Camiño Natural da Ruta do Cantábrico

 
Sendeirismo

Esta ruta discorre pola costa das provincias de Lugo e A Coruña. Na Mariña Lucense cubre 131 km repartidos en 6 etapas a través dunha magnífica franxa costeira entre cantís e areais cunha paisaxe espectacular. A ruta atravesa varias vilas, como Ribadeo e Viveiro, conxuntos histórico-artísticos, portos como Foz, Burela, San Cibrao e O Vicedo, por valiosos espazos naturais e por diferentes exemplos do noso patrimonio cultural.

Esta ruta pódese realizar en pequenos tramos, aproveitando a liña de retorno de FEVE Ferrol-Xixón, que conta con numerosas estacións ao longo da mesma, tamén a pé ou en bicicleta. Esta viaxe somerxe ao viaxeiro na costa galega e na intensa relación da súa xente co mar. Unha experiencia única.

Ribadeo
O Vicedo
131 Km
22 h
Ruta lineal
Dificultade
Global
Moderado

ETAPA 1: RIBADEO – AS CATEDRAIS

Con pouco máis de 18 km de lonxitude a etapa parte de Ribadeo. Altérnanse diferentes praias, castros, furnas, ollos e antigas cetarias, atopándose estas últimas nas proximidades da preciosa poboación pesqueira de Rinlo. Avanzando preto dos cantís e desfrutando das numerosas panorámicas, a etapa conclúe na fermosa Praia das Catedrais, declarada Monumento Natural.

ETAPA 2: AS CATEDRAIS- FOZ

A segunda etapa conta con algo máis de 21 km e comeza deixando atrás a magnífica praia de As Catedrais. A primeira metade da etapa alterna cantís e praias con zonas residenciais, para empregar a segunda metade en remontar a Ría Foz-Masma desfrutando plenamente desta contorna natural. A localidade pesqueira de Foz ao outro lado da ria pon punto final a esta etapa.

ETAPA 3: FOZ - BURELA

Nos mais de 20 Km que separan as localidades de Foz e Burela transitan moi achegadas á costa en todo momento. Os castros de Llas e Fazouro son boa proba dos antigos poboadores castrexos da zona, situándose antes e despois do  Zona de Especial  Conservación  do río Ouro. A etapa conclúe no corazón do porto pesqueiro de Burela.

ETAPA 4: BURELA – SAN CIBRAO

A etapa mais curta do Camiño, con 13 Km de lonxitude, continúa a súa viaxe pola costa. Dende Burela, o camiño discorre xunto a diferentes praias, Rueta, onde se separa da costa para desfrutar do Pazo de Pedrosa. Xa de volta á costa percorre San Cibrao e o seu Faro da Punta da Atalaia, finalizando a etapa fronte as antigas fábricas de salgadura e serradoiro de Don Xulián.

ETAPA 5: SAN CIBRAO - VIVEIRO

A quinta etapa é a de maior lonxitude case 30 Km e de maior desnivel. Comeza na ria de Lieiro, formada pola desembocadura do río Covo e a súa ponte medieval de O Bao. En Celeiro descendese ao porto para despois alcanzar a próxima poboación de Viveiro, onde destaca a Porta de Carlos V, situada a escasos 200 m do punto final da etapa.

ETAPA 6: VIVEIRO – O VICEDO

Esta etapa percorre algo máis de 22 Km que unen as localidades de Viveiro e O Vicedo. A Ponte Maior cruza a ria unindo Viveiro e a praia de Covas e O cargadoiro co Fociño do Porco. A Cruz de San Román  ilustra a dureza destas costas. Inmediatamente despois da praia de Vicedo Vello, o porto pesqueiro de O Vicedo, abre as portas á vila.

Lectura da ruta

Visita esta ligazón para saber como ler un arquivo .gpx e poder seguir o trazado da ruta.