Faro de Punta Roncadoira

 
Faro

A súa situación en Punta Roncadoira, dálle nome, referíndose ao ruidoso son que produce o mar bravo e batido. Dende o faro podemos observar unha fermosa paisaxe costeira. A torre, a 94 m sobre o nivel do mar, alcanza coa súa luz unha distancia de 21 millas, converténdose así nunha guía luminosa e indispensable para a navegación marítima.

A costa de Xove é abrupta, accidentada, con illotes e cunha climatoloxía moi adversa en ocasións, con temporais, néboas... polo que resulta moi perigosa para a navegación dos barcos. Ao longo da historia producíronse moitos naufraxios, hai mais dunha vintena de pecios afundidos documentados, entre eles o “Honor”, afundido en Lago en 1544. 

Ante esta situación o 24 de xullo de 1974, a Dirección Xeral de Portos autorizou a construción deste faro como enlace entre os faros de San Cibrao e Estaca de Bares, e como luz que permitiría un mellor recoñecemento da entrada á ría de Viveiro e San Cibrao. O faro de Roncadoiro alumeou definitivamente o 10 de abril de 1986. Rematado nunha torre cilíndrica de 12,70 m de altura e 3 m de diámetro, cunha lanterna de 2,25 m de diámetro e lámpadas halóxenas de 250W, alcanza 21 millas coa característica de escintileos illados cada 7,5 segundos.

A vista dende o faro ofrece unha marabillosa paisaxe marítima e un excelente observatorio de aves mariñas.  A panorámica resulta inmellorable das illas Coelleira, Ansarón, Farallóns, así como dos illotes Os Netos. Ao Oeste os elevados e recortados cantís da Estaca de Bares, e ao Leste os cantís de papel do Cabo Morás.