Os Cantís de Papel e o Illote de Ansarón
A punta Morás, o seu porto, os cantís, os illotes en zona protexida ambientalmente e o parque etnográfico constitúen un conxunto moi fermoso, diverso e estimulante, con paisaxe, natureza, e historia industrial. Poderemos contemplar os chamados Cantís de papel, modelados polo mar e o vento formando creativas formas, e na zona do porto, o lugar onde estivo ata o ano 1977 a antiga factoría baleeira.
Os cantís de papel, situados nas inmediacións da Punta de Morás, son unhas magníficas formacións de rochas graníticas, de extraordinaria beleza. Teñen unha altura duns 40 m, esculpidos pola acción do vento, e a forza do mar ao longo dos séculos. O seu nome provén da súa aparencia, formando pregues, dobreces e formas caprichosas e singulares que nos fan pensar en papeis e ademais estimulan o noso maxín e inventiva para recoñecer e crear formas baseadas na realidade ou a fantasía.
Dende a punta e cabo de Morás observaremos os Illotes Farallóns ao leste, e cara o Oeste poderemos incluso achegarnos paseando ata o Illote de Ansarón e As Salseiras cara a Punta Arxente. Forman parte dunha costa rochosa, recortada, sinuosa e abrupta que está protexida polas figuras de ZEC (Zona de Especial Conservación) Costa Mariña Occidental e pola ZEPA ( Zona de Especial Protección para as aves) que abrangue a maiores o territorio marítimo.
A illa de Ansarón coas súas 10 hectáreas de extensión é unha das maiores illas da costa lucense, alcanza uns 80 metros de altitude, con cantís fecundos, produtores de percebe e polbo da pedra. Ademais a súa protección vén derivada da importancia como lugar de cría de aves mariñas como a gaivota patiamarela, corvo mariño cristado ou gabita que actualmente só nidifica nesta costa en Galicia, tratándose da poboación máis sudoccidental de Europa.